- Acometeron unha poda de seguridade nos bordos do río Valga, ademais de rozas manuais e mecánicas
- Nas últimas semanas tamén actuaron na Praza do Concello, na Mina Mercedes, en Baño e na praia de Vilarello
Valga, 5 de maio de 2023.
Os aprendices da especialidade de forestais do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VI continúan realizando traballos de mellora e acondicionamento en espazos verdes, zonas naturais e contornos de ocio de Valga.
Durante esta semana estiveron traballando no Parque Irmáns Dios Mosquera, onde levaron a cabo rozas manuais e mecánicas, podas de saneamento e tarefas de limpeza das marxes do río Valga. Neste caso, ademais, realizaron unha poda de seguridade profunda nos bordos fluviais, para evitar que as ramas e partes caídas de árbores afectaran á circulación de persoas.
O alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira de Formación e Emprego, Carmen Gómez, a directora do Obradoiro, Mª Carmen Vidal, realizaron unha visita aos aprendices para comprobar as tarefas que estaban a realizar e o resultado dos mesmos. Despois de varios meses recibindo clases teóricas e realizando prácticas, os alumnos traballan xa de forma autónoma e contan con destreza para empregar a maquinaria forestal.
Ademais de actuar no Parque Irmáns Dios Mosquera, nas últimas semanas tamén executaron traballos de posta a punto na contorna do Museo da Historia e na Praza do Concello, así coma podas, desbroces e outras accións na Mina Mercedes, na área fluvial de Vilarello e en Baño.
O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VI, promovido polos concellos de Valga e Moraña, é unha iniciativa orientada a mellorar a empregabilidade e a favorecer a inserción laboral de vinte persoas desempregadas nas especialidades de forestais e carpintería, con sesións teóricas nas que adquiren os coñecementos necesarios sobre estas dúas profesións e, tamén, coa realización de prácticas consistentes en obras de interese público. A Consellería de Promoción do Emprego da Xunta subvenciona este proxecto con 504.000 euros.