- Publícase tamén a investigación vencedora no ano 2011, que quedara pendente por mor da crise económica
- Editáronse 500 exemplares de cada libro, que distribuirá Editorial Galaxia
Valga, 4 de abril de 2018.
O Concello de Valga presenta o vindeiro 27 de abril dúas obras gañadoras do Premio Xesús Ferro Couselo, un certame que homenaxea a esta insigne figura da cultura galega e Fillo Predilecto de Valga co obxectivo de promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas.
Trátase da investigación “Vade retro. Ritualística protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega”, de Rafael Quintía Pereira, gañadora da XVIII edición o pasado ano 2017, e da obra “Cultura letrada e alfabetización no Baixo Ulla: séculos XVIII-XIX”, coa que Ana Sixto vencerá a XVI edición no ano 2011. Esta última quedara pendente de publicar debido á crise económica, que obrigou tamén ao Concello a facer unha paréntese de catro anos na convocatoria do Premio.
En “Vade retro. Ritualística protectora, obxectos curativos e uso de amuletos na cultura popular galega”, Rafael Quintía estuda diferentes aspectos da etnomedicina en Galicia, dende os fenómenos da protección e curación ata o uso de amuletos e obxectos de poder ou a existencia de lugares propicios para realizar estes ritos para curar as doenzas do corpo e da alma.
Pola súa parte, “Cultura letrada e alfabetización no Baixo Ulla” de Ana Sixto aborda a escolarización dos nenos e alfabetización de adultos entre os séculos XVIII e XIX na comarca do Baixo Ulla, que se correspondía ao que hoxe son os concellos de Valga, Pontecesures, Dodro, Padrón, Rianxo, Rois e Teo.
O Concello editou 500 exemplares de cada libro, que distribuirá e comercializará Editorial Galaxia. Poderán adquirirse en librarías a partir do día da presentación.
XIX EDICIÓN DO PREMIO
O Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo xa ten en marcha a súa XIX edición. Os traballos poden presentarse ata o día 15 de xuño nas dúas modalidades habituais. Á primeira, dotada con 4.000 euros, poden concorrer traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. As obras deben estar escritas en galego e ser inéditas, cunha extensión dun mínimo de 50 folios e un máximo de 300.
Na segunda modalidade convócase unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga. Os participantes deben presentar un guión razoado no que detallen os obxectivos que pretenden acadar co traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do traballo.
Os participantes en calquera das dúas modalidades deben dirixir os seus traballos ao Rexistro de Entrada do Concello de Valga entregando o orixinal e cinco copias en tamaño folio, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara. É imprescindible presentar os traballos baixo un lema, que tamén figurará no exterior da plica na que se incluirán o nome e apelidos, enderezo, teléfono do autor e título da investigación. O prazo de entrega finaliza o 15 de xuño e os gañadores daranse a coñecer na última semana do mes de xullo, coincidindo coa data de nacemento de Xesús Ferro Couselo.
O xurado estará constituído por cinco especialistas no campo da investigación designados pola Comisión de Cultura do Concello, que se reservará para si a Presidencia e a Secretaría. O secretario terá voz pero non voto. Se o considera pertinente, o xurado poderá dividir o premio, concedéndollo como máximo a dúas obras. Tamén poderá declarar deserto o certame se os traballos non acadan a calidade desexable.
As obras premiadas quedarán en poder do Concello de Valga, que se reserva o dereito de publicación.
As bases poden consultarse AQUÍ.