Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Embeleceron a marxe do Camiño Portugués, á altura de Parafita, e protexeron o conxunto cun valado de madeira

- Despois percorreron un tramo da ruta ata San Miguel, compartindo experiencias cos peregrinos

BañoCamiño1

Valga, 5 de maio de 2023.

O Camiño de Santiago, ademais de ser un dos principais recursos culturais e turísticos de Valga, estase a converter nunha fonte case inesgotable de actividades para os centros educativos locais, que ven na ruta Xacobea un medio para transmitir valores coma o esforzo, o compañeirismo, o respecto polo medio natural ou a vida saudable.

Se o mércores foron os nenos do CRA de Valga os que se botaron a facer o Camiño, esta mañá tomou o relevo o alumnado de 6º curso de Primaria do colexio Baño-Xanza, que ademais realizou unha intervención medioambiental a pé de ruta, á altura da ponte da autopista AP-9, en Parafita.

Darío Bermúdez, Pablo Senín, Claudia Piñeiro, Raúl Rodríguez, Carlos Linares, Lucas Gómez, Claudia Abal e Andrés Villamarín foron os encargados de executar a acción de embelecemento desafiando á chuvia que caeu a primeira hora da mañá. Limparon o entorno, retirando as herbas cun rastro, cubriron a zona con céspede artificial e colocaron un letreiro formado por varias pezas de pizarra cunha lenda a prol da reciclaxe e do respecto polo entorno: “Que o Camiño deixe pegada en ti, non ti no Camiño. Recicla!”. A composición completouse cunha decoración con pedras e un valado de madeira que protexe o conxunto.

Despois, xa co sol asomando entre as nubes, sumáronselles o resto de compañeiros de 6º, ata un total de 38, mentres os numerosos peregrinos que durante a mañá transitaban pola zona aplaudían a acción realizada polos escolares e interesábanse polo seu significado.

Para completar a actividade, os estudantes percorreron a pé o traxecto do Camiño Portugués comprendido entre este punto e San Miguel e dirixíronse, despois, ao parque Irmáns Dios Mosquera, onde merendaron e participaron en actividades lúdicas e educativas coma a sesión de historias e música a cargo de Servando Barreiro e Anxo Moure, cos que bailaron, cantaron e, sobre todo, aprenderon.

Para o desenvolvemento desta iniciativa educativa CEIP Baño-Xanza contou coa colaboración do Concello de Valga, de Ecoembes e da Xunta de Galicia, a través do programa “Vexo, Veo Xacobeo”, que trata de achegar á mocidade o significado e os valores do Camiño.

BañoCamiño2 BañoCamiño3

BañoCamiño4 BañoCamiño5

Volver