Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Percorreron o tramo entre o albergue de O Pino e San Miguel, recollendo lixo e gozando da natureza

- Na área de descanso de Chenlo escoitaron a música e as historias do contacontos “As árbores do Camiño”

PeregrinosCRA1

Valga, 3 de maio de 2023.

Dende comezos da primavera e, sobre todo, a partir da Semana Santa o Camiño Portugués, que discorre por Valga nunha das súas etapas, comeza a ofrecer imaxes moi semellantes ás dos últimos anos santos, con multitude de peregrinos das máis diversas procedencias e cun único destino. a Catedral de Santiago.

Entre esta trasfega de persoas, houbo esta mañá uns peregrinos moi especiais: o alumnado do CRA de Valga, que aproveitou o bo tempo destes días, para percorrer o tramo valgués do Camiño entre os lugares de O Pino e San Miguel. Saíron dende o albergue de peregrinos e avanzaron por un dos tramos máis fermosos da ruta portuguesa, entre a vexetación do monte e en contacto constante con ela. Aproveitaron o percorrido para ir recollendo o lixo que atopaban ao seu paso, poñendo así o seu gran de area para manter limpo o Camiño.

Os rapaces, alumnos das escolas de Vilarello, Forno, Ferreirós, Xanza, Chenlo e Campaña, interactuaron cos demais peregrinos e desexáronlles bo camiño e, ao chegar á área de descanso de Chenlo, recibiron unha gran sorpresa: unha sesión de contacontos a cargo de Servando Barreiro, que rompeu unha lanza a prol da natureza, o coidado do medio ambiente, e a vida saudable a través do espectáculo “As árbores do Camiño”, que incluíu historias, cantigas e cancións musicadas con acordeón. Esta actividade xestionouse a través do programa “Vexo, veo Xacobeo”, un programa educativo da Xunta de Galicia para achegar ao alumnado o significado e os valores do Camiño de Santiago e do Xacobeo.

Trala actuación continuaron a ruta pola zona de San Miguel, onde aproveitaron para selar as súas credenciais, e dirixíronse cara a Pontevalga, onde gozaron de tempo libre no Parque Irmáns Dios Mosquera.

PeregrinosCRA7 PeregrinosCRA8

PeregrinosCRA9

Volver