Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Un concerto da Banda, o xantar de confraternidade, sorteo de agasallos e baile foron as actividades da programación

- O director xeral de Inclusión Social da Xunta acompañou ao alcalde e ao goberno municipal

Maiores23 1

Valga, 1 de maio de 2023.
Máis de medio milleiro de valgueses reuníronse onte nunha das festas máis emotivas de cantas se celebran en Valga: o Encontro cos Nosos Maiores, unha homenaxe ás xentes máis veteranas do municipio que tivo lugar no pavillón municipal de Cordeiro. Alí desenvolvéronse diferentes actividades culturais, gastronómicas e lúdicas para que os asistentes gozaran dunha xornada agradable pero, ante todo, emotiva e chea de reencontros entre veciños que, nalgúns casos, había tempo que non compartían momentos e conversas.

O programa de actos deu comezo á unha do mediodía cun concerto da Banda de Música Municipal de Valga, dirixida por Manuel Villar Touceda, que ofreceu un repertorio de case unha hora moi aplaudida polos asistentes. A continuación celebrouse o xantar de confraternidade, cun menú composto por empanada, langostinos, polvo, carne ao caldeiro, sobremesa e café.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e o seu equipo de goberno acompañaron aos maiores no seu día, así coma o director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado, que por segundo ano consecutivo non quixo perderse esta celebración tan especial e importante para o colectivo da terceira idade, xa que promove o envellecemento activo e fomenta as relacións sociais. Entre as autoridades estiveron tamén o ex alcalde de Valga, Daniel Barreiro, e o presidente de Extrugasa, Andrés Quintá.

Tralo xantar, tivo lugar un sorteo de máis de trescentos agasallos doados por casas comerciais, asociacións e outras entidades de Valga e de municipios da contorna. Ademais, o alcalde, o director xeral e a concelleira de Benestar Social, Begoña Piñeiro, homenaxearon e entregaron un agasallo aos veciños de máis idade que asistiron á festa: Ramón Magariños Gil, das Cernadas (Setecoros) e 94 anos, e Celia Bermúdez Barros, de 93 anos e residente en Balleas (Cordeiro). Tamén recibiron un regalo Amalia Iglesias Cristobo, da Devesa (Campaña), e Ramona Castroagudín Rodríguez, do Carballiño (Sixto), que onte celebraban o seu aniversario.

Para pechar a xornada, o cantante Jorge Menéndez amenizou o baile.

Maiores23 2 Maiores23 3

Maiores23 4 Maiores23 5

Maiores23 6 Maiores23 7

Volver