- Nas dependencias museísticas descubriron a historia de Valga e das súas xentes, dende os primeiros poboadores
- Na emisora cantaron cancións e saudaron aos seus familiares en directo e na biblioteca elixiron os seus contos favoritos
Valga, 28 de abril de 2023.
Os nenos do CRA de Valga realizaron esta semana unha actividade de achegamento á actividade municipal, cunha visita ao edificio administrativo e ao Concello para coñecer algúns dos servizos que prestan aos veciños da localidade dende estas dependencias.
Na Casa Consistorial, os alumnos das escolas de Vilarello, Ferreirós, Forno, Chenlo, Xanza e Campaña percorreron as diferentes oficinas mentres lles explicaban os traballos que se realizan dende cada unha delas. Algúns tiveron a oportunidade de converterse en alcaldes e alcaldesas por un día, sentándose na cadeira da Alcaldía ou no lugar reservado para o primeiro edil no Salón de Plenos. Nesta última sala tamén viron a exposición de fotografías de todos os alcaldes de Valga e coñeceron o significado da bandeira oficial do municipio.
Outra das paradas tivo lugar no Museo, onde os seus responsables, Santiago Chenlo e Vanessa Losada, lles explicaron a historia das xentes de Valga, dende os primeiros poboadores ata a actualidade. Realizaron, ademais, actividades educativas que lles permitiron ir descubrindo algúns dos tesouros que se custodian no Museo e tamén algúns dos persoeiros ilustres do concello.
Por último, os cativos trasladáronse á Praza Manuel Vicente Cousiño para visitar o edificio de usos administrativos e, en concreto, Radio Valga e a biblioteca. Na emisora municipal tiveron a oportunidade de ser protagonistas da programación matutina, mandando saúdos en directo aos seus familiares e amigos, cantando cancións e incluso gravando anuncios.
Na biblioteca viron o contacontos “A princesa listilla” e despois foron percorrendo a sala para ver todos os contos e ler algúns dos seus preferidos.