Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os chefs Fran Jamardo, Coque Fariña e Rocío Garrido prepararon catro receitas, todas servidas en vaso

- A segunda edición deste programa incluíu catro sesións de cociña durante todo o mes de abril

Sobremesas1

Valga, 26 de abril de 2023.

A Aula Gastronómica pechou onte a súa segunda edición cunha xornada doce dedicada ás sobremesas na que os chefs de Indo e Vindo Gastronomía explicaron e prepararon catro receitas de doces coa característica de que todos se serviron en vaso, un formato cómodo e resolutivo que se adapta a calquera tipo de torta ou sobremesa.

E, como exemplo, as opcións ofrecidas onte, comezando por un clásico: torta de queixo con froitos vermellos, cunha base de galletas ‘oreo’ e senllas capas de crema pasteleira e de marmelada feita cos froitos. O cociñeiro Fran Jamardo ofreceu, ademais, unha segunda versión desta mesma sobremesa, cunha presentación que simulaba unha planta nunha maceta. É o que no argot gastronómico se coñece como ‘trampantojo’.

Unha alternativa máis lixeira foi a crema de aguacate con fresas e nata que elaborou Coque Fariña e que tamén tiña como ingredientes galletas para facer a base, fresas caramelizadas, leite condensada, mel, caramelo líquido e nata montada.

Nesta sesión de repostería tamén houbo referencias á cociña internacional da man dun Bannoffee de plátano, unha sobremesa tradicional británica que preparou Rocío Garrido superpoñendo diferentes capas de galleta triturada, almíbar, doce de leite, plátano troceado e pasado pola sartén, xelatina de chocolate e nata infusionada con licor de avelá.

Fronte a esta elaboración máis contundente, a xornada pechouse cun doce refrescante e lixeiro e que non precisa cocción ningunha: un semifrío de limón no que se combinaron unha crema de limón (feita a base de queixo, nata, leite condensada e zume de limón) con galletas tipo ‘María’.

Foron un total de catro os obradoiros culinarios que se desenvolveron na Casa da Cultura durante este mes de abril (petiscos creativos, cociña saudable, cociña internacional e este último de sobremesas), en todos eles co aforo completo.

Sobremesas2 Sobremesas3

Sobremesas4 Sobremesas5

Volver