- Realizaron unha plantación de millo, tomate, leituga e xudías no vello campo de fútbol de Baño
- Compararanse os resultados dos cultivos en función do abono utilizado: compost natural ou comercial
Valga, 21 de abril de 2023.
O estudo promovido pola Misión Biolóxica de Galicia –centro adscrito á área de Ciencias Agrarias do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)– e o Concello para analizar a potencialidade agrícola do abono natural que se produce en Valga a través do sistema de compostaxe está xa en marcha.
Supervisado polo investigador científico Pedro Revilla, profesorado do centro e o mestre composteiro do Concello, Yoel Castro, o alumnado do ciclo de Agroxardinería e composicións florais do IES de Valga realizou durante esta semana a plantación que servirá de base para este estudo. Na xornada do mércores prepararon o terreo no vello campo de fútbol de Baño aplicando os dous tipos de abono que se van a empregar nos ensaios para comparar os resultados: compost natural producido no composteiro comunitario do colexio Baño-Xanza e compost comercial. Ademais, axudados dunha moto aixada, removeron a terra para integrar nela o abono.
Esta mañá retomaron os traballos coa plantación propiamente dita de catro cultivos representativos da horticultura da zona: millo e xudía en semente e tomate e leituga en planta. Parte da plantación está abonada con compost urbano e outra con compost comercial e, na época de colleita, tomaranse datos sobre a altura das plantas, rendemento e caracteres específicos de cada cultivo. Ademais, en colaboración coa Universidade de Vigo, realizarase unha análise de posibles contaminantes que teña o compost e que poidan traspasarse ao solo ou incluso á planta.
O obxectivo é por en valor as potencialidades do compost urbano para uso agrícola fronte a outros fertilizantes e demostrar que é óptimo e non ten repercusións negativas ou indesexadas, o que permitiría avanzar cara un sistema produtivo máis sostible e con menor impacto no medio ambiente. Ata o de agora, o valor deste compost urbano como fertilizante non ten sido demostrado experimentalmente, polo que a súa utilización en agricultura non está implantada a grande escala.
Para completar o estudo, realizouse tamén esta semana outra plantación experimental na finca que a Misión Biolóxica de Galicia ten en Salcedo (Pontevedra), para así comparar os resultados cos de Valga.
O Concello de Valga e a Misión Biolóxica de Galicia asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo esta iniciativa, que se enmarca no proxecto internacional “Dromamed” de promoción de sistemas agrícolas innovadores, do que é coordinador Pedro Revilla.