- Canalizaranse diferentes servizos e colocarase un novo pavimento de lousas de granito e empedrado
- Priorizarase o uso peonil do espazo, con acceso a vehículos exclusivo para residentes
Valga, 22 de abril de 2023.
O Concello de Valga adxudicou esta semana as obras de mellora e humanización da Praza da capela de San Paio de Vilar, un espazo público de aproximadamente 300 metros cadrados de superficie que na actualidade ten pavimento de asfalto, carece de beirarrúas e ten permitido o acceso de vehículos para o seu estacionamento.
A través deste proxecto, no que se investirán 47.860’49 euros do Plan Concellos, preténdese ofrecer aos veciños un espazo seguro, cómodo e funcional, creando unha zona de lecer na que teña prioridade o uso peonil. Levarase a cabo, polo tanto, unha peonalización integral deste espazo e unha limitación dos vehículos rodados exclusiva para residentes.
As obras consistirán na retirada do actual pavimento de asfalto e formigón e a instalación de canalizacións para diferentes servizos. abastecemento de auga, rede de pluviais e alumeado. A actuación completarase coa colocación do novo pavimento, que combinará lousas de granito e empedrado, que ofrecerá unha imaxe uniforme en pleno centro do núcleo tradicional de Vilar.
Os traballos foron adxudicados á empresa Covsa.