- A concelleira de Turismo, Malena Isorna, asistiu onte ao acto de presentación
- Os participantes estarán en Valga o día 3 de xullo e visitarán o Belén, Mina Mercedes e o Museo da Historia
Valga, 21 de abril de 2023.
A concelleira de Turismo, Malena Isorna, asistiu onte ao acto de presentación da Ruta Quetzal 2023 que tivo lugar en Vilanova de Arousa e que contou coa participación da directora de Turismo de Galicia da Xunta, Nava Castro, e Íñigo de la Quadra-Salcedo, director da ruta, que se desenvolverá entre os días 1 e 15 de xullo e que discorrerá, por segundo ano, polo territorio Mar de Santiago, incluíndo Valga.
Entre os douscentos expedicionarios haberá nesta ocasión dúas mozas valguesas, que percorrerán Galicia e o Norte de Portugal nunha edición que conmemora o 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, en 1993.
A expedición arrancará de Vilanova o día 1 de xullo para remontar por mar o río Ulla, pasando por Catoira e Valga ata chegar a Pontecesures. En Valga estarán na tarde do luns 3 de xullo, visitando algúns dos principais recursos turísticos e enclaves naturais da localidade: o Belén Artesanal en Movemento, a Mina Mercedes –dende a que farán un percorrido a pé ata Pontevalga–, o Museo da Historia e o Centro de Interpretación da Caña do País.