Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O novo equipamento reportará beneficios ambientais, aforro enerxético e melloras no estado da herba

- O concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, realizou a entrega do novo equipamento

RobotCéspede1

Valga, 20 de abril de 2023.

O Concello vén de adquirir un novo equipamento para as instalacións deportivas municipais, neste caso para o campo de fútbol de herba natural de Baño. Trátase dun robot cortador de céspede, un sistema respectuoso medioambientalmente e que permitirá aforrar enerxía e custos no mantemento do recinto.

Conta con capacidade de sega para 14.000 metros cadrados, que é a superficie en herba coa que contan as instalacións municipais de Baño, nas que ata o de agora se empregaba un tractor a gasolina para realizar as tarefas de corta do céspede.

Este robot pode funcionar baixo calquera condición climática, incluso con chuvia. Un cable perimetral delimita a zona de sega e os sensores que ten integrados permítenlle detectar obstáculos e adaptar a súa traxectoria. Está dotado de cabezais flotantes e coitelas de aceiro inoxidable que se adaptan ás posibles irregularidades do terreo. As coitelas contan con sistemas de protección, de maneira que se o robot se eleva o xiro detense de forma inmediata.

Coa utilización deste sistema tecnolóxico a altura do céspede será uniforme en todas as zonas do campo e, ademais, os restos de materia vexetal que quedan sobre a superficie funcionan como abono para a propia herba.

O concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, realizou a entrega do robot e destacou os beneficios ambientais, de aforro enerxético e para o propio recinto que reportará este novo equipamento, do que, ademais, sinalou que conta con sistema de protección anti roubo con conexión directa coa Garda Civil.

RobotCéspede2 RobotCéspede3

Volver