Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os oíntes que queiran participar no xantar deben facer a reserva antes do día 3

- As actividades terán lugar no Parque Irmáns Dios Mosquera

FestaRadioValga

Valga, 17 de abril de 2023.

A emisora municipal, Radio Valga, celebra o seu vixésimo cuarto aniversario cunha festa para todos os oíntes que terá lugar o vindeiro 6 de maio no parque Irmáns Dios Mosquera. Nesta zona de lecer e esparexemento celebrarase un xantar popular e outras actividades lúdicas, entre elas xogos e actuacións musicais para amenizar a tarde.

A programación dará comezo ás 14:00 horas cun concerto da Banda de Música Municipal de Valga e ás 14:30 terá lugar o xantar cun menú formado por petiscos variados, empanada, polvo á feira, churrasco con patacas e ensalada, bebidas, sobremesa e café.

Os prezos para asistir á comida son de 35 euros para maiores de 16 anos e 15 euros para mozos de entre 11 e 15 anos. Os rapaces de ata 10 anos poden asistir gratuitamente, pero con reserva. As inscricións deben realizarse antes do día 3 de maio con pago a través da conta bancaria ES97 2080 5447 1230 4010 3378 ou mediante Bizum ao número de teléfono 606 23 76 54. Será imprescindible presentar o resgardo de pago.

Unha vez rematado o xantar, a partir das 17:00 horas haberá xogos populares nos que poderán participar tanto maiores coma nenos e tamén inchables para o divertimento dos máis cativos. Arredor das seis da tarde arrancarán as actuacións musicais, a cargo de Music Stars e Dúo Reflejos. Estas actividades vespertinas, tanto os xogos coma o baile, son abertas á participación de todas as persoas que o desexen, tanto se estiveron na comida coma se non.

O director de Radio Valga, Héctor Bermúdez, apunta que “este festexo é un adianto do que agardamos que sexa o vinte e cinco aniversario, que celebraremos o vindeiro ano cun evento aínda máis potente”, e agradeceu a colaboración do grupo empresarial local ODL para que o evento sexa posible.

Pola súa parte, o alcalde, José María Bello Maneiro, amosou a súa satisfacción porque a emisora municipal “conta cada vez con máis oíntes e segue operativa e a piques de celebrar as súas vodas de prata pese aos malos augurios dalgunhas persoas”.

CartelRadio

Volver