- As obras, nas que se invisten 59.000 euros, inclúen o ensanche dunha curva para maior seguridade viaria
- Tamén se executan a limpeza das cunetas, canalización da rede de pluviais e mellora do firme
Valga, 17 de abril de 2023.
O Concello está a executar obras de mellora dun camiño municipal no lugar de Casal de Eirigo, que se financia a través do Plan Marco da Consellería do Medio Rural. O investimento ascende a 58.868’91 euros, un orzamento co que se executan actuacións de acondicionamento do pavimento, mellora de servizos e incluso unha ampliación da plataforma para unha maior seguridade viaria.
O camiño, que dá acceso a parte do núcleo de Casal de Eirigo, ao circuíto de karting e tamén a un grupo de parcelas agrícolas, atopábase nun estado de deterioro. Con esta actuación trátase de corrixir estas deficiencias para cumprir cos obxectivos do Plan Marco: mellorar as condicións de vida dos residentes en áreas rurais a través do acondicionamento de infraestruturas e servizos básicos.
A lonxitude sobre a que se actúa é de aproximadamente 400 metros, nos que se está a acometer a limpeza das cunetas, canalización para a recollida de pluviais e a corrección dunha curva para suavizala e así garantir a seguridade viaria na zona. Por último estenderase unha nova capa de aglomerado.