- A mostra pode verse no Auditorio Municipal durante todo o mes de abril
- As obras reflexionan sobre temas coma a violencia ou a intervención humana sobre a natureza
Valga, 5 de abril de 2023.
Henrique Prado Miranda (Cangas do Morrazo, 1964) é o artista que expón durante este mes de abril no Auditorio Municipal. O alcalde, José María Bello Maneiro, o edil de Cultura, Pedro Calvo, e as concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna acompañárono esta mañá na inauguración da mostra de escultura “Calas ou falas”, un título revelador co que pretende transmitir unha das súas máximas na súa profesión: a arte, máis alá do seu atractivo visual, debe transmitir unha idea, un concepto que provoque unha reflexión nas persoas que a contemplan.
Con esa intención presenta en Valga unha colección de nove esculturas en madeira (de cedro pardo americano e piñeiro radiata) coa que trata temas coma a busca da eterna xuventude ou as pequenas cousas da vida que deixamos pasar sen gozar delas; lanza mensaxes contra a violencia; critica a telebasura, o tratamento que na actualidade se dá á arte ou a intervención do ser humano sobre a natureza.
Prado Miranda, de formación autodidacta, conta con obra repartida por diferentes puntos de España e tamén no estranxeiro (en países coma Portugal, Francia, Suíza ou México) ten no seu haber varios premios e distincións nacionais e internacionais polo seu traballo escultórico, entre os que destacan o primeiro premio na XIII Bienal pequena escultura Peña de Martos, en Xaén, a medalla de ouro na V Bienal de escultura internacional de Madrid, ou o segundo premio na IV edición ADICAM de pintura e debuxo, en Cangas de Morrazo.
No acto inaugural, o artista guiou aos representantes do goberno local pola exposición, explicándolles o significado de cada obra. O alcalde amosouse “gratamente sorprendido” pola calidade das esculturas e, sobre todo, porque “van máis alá do aspecto visual”.