- Vinte e cinco persoas asistiron ao primeiro obradoiro culinario a cargo dos chefs Fran Jamardo e Coque Fariña
- Degustáronse catro pratos de pequeño formato, algúns sorprendentes como a empanada en canotos
Valga, 5 de abril de 2023.
A Aula Gastronómica abriu onte, por segundo ano, as súas portas para recibir aos chefs Fran Jamardo e Coque Fariña e a os vinte e cinco asistentes ao obradoiro de Tapas Creativas nos que os cociñeiros de Indo e Vindo Gastronomía sorprenderon con elaboracións de pequeno formato atractivas, apetecibles e divertidas. Durante a sesión elaboraron dous petiscos tradicionais, empanada e croquetas, pero con aspectos novidosos que sorprenderon aos participantes. O menú vespertino completouse con outras dúas tapas máis novidosas, sen que faltara un dos produtos estrela de Valga: a anguía.
O taller culinario iniciouse coa preparación dunha “Croqueta desestruturada con bechamel de San Simón”, un prato de aproveitamento posto que se empregou na súa elaboración carne sobrante dun cocido, esmigallada e mesturada cun sofrito de cebola. O petisco, servido en vaso, incluía unha bechamel infusionada con queixo San Simón, pan de chía e cebola crocantes e brotes.
“Sushi crocante con guacamole e gambón” foi a segunda proposta dos chefs. Coque Fariña e Fran Jamardo empregaron arroz frío, prensado e fritido, para crear a base crocante da tapa, sobre a que engadiron guacamole e un gambón sopreteado, acompañado con salsa de mango, mel e mostaza.
A lección culinaria, que incluíu degustación de todas as elaboracións, continou cunha “Flor con anguía en texturas”, a típica flor de Entroido pero salada. Neste prato empregáronse fariña de setas, pimentón, humus, salda agripicante, maionesa de siracha e, como un dos ingredientes principais, anguía fritida e rebozada.
A receita que deu por concluída a xornada inaugural foi “Empanada en canotos”, unha versión diferente deste prato tan tradicional de Galicia pero con forma circular e rechea de zorza, sofrito de diferentes verduras e queixo Galmesán; unha proposta que sorprendeu pola súa orixinalidade.
Os chefs elaboraron os diferentes pratos ante os asistentes seguindo todos os pasos e entregáronlles as receitas para que poidan replicalos nos seus fogares. Ademais, explicaron diferentes trucos e recursos que poden ser de axuda na cociña.
O vindeiro martes, 11 de abril, terá lugar o segundo obradoiro da Aula Gastronómica, centrado na cociña saudable, para o que o aforo xa está completo.