- A xincana desenvolveuse na explanada do Auditorio como parte da programación do 8-M
- A mariola, a corda, as chapas ou as catro esquinas foron algunhas das actividades que realizaron
Valga, 4 de abril de 2023.
A explanada do Auditorio Municipal recibiu nesta mañá solleira a un grupo de nenos que, aproveitando as vacacións escolares de Semana Santa, participaron nunha xincana de xogos populares e tradicionais organizada polo Concello como parte da programación polo Día Internacional da Muller.
As actividades desenvolvéronse con perspectiva de xénero; é dicir, en plena igualdade entre nenos e nenas, que compartiron os mesmos xogos, superando así os estereotipos que, nalgúns casos, aínda persisten e que sinalan determinadas actividades lúdicas como propias dos nenos mentres que outras se asocian ás nenas.
Os participantes saltaron á corda, xogaron á mariola, ás chapas, ás canicas ou ás catro esquinas. E fixérono todos xuntos, formando equipo e sen distincións de xénero.
Unha vez rematada a sesión de xogos, os rapaces e os seus monitores participaron nunha sesión de reflexión sobre a igualdade e os roles de xénero, e como estes afectan á poboación infantil.