- Os traballos consisten no fresado e aplicación dunha nova capa de asfalto
- Introduciranse cambios na sinalización das interseccións solicitados polo Concello para reforzar a seguridade viaria
Valga, 8 de abril de 2023.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, a través da empresa Covsa, está a executar obras de mellora do firme na estrada autonómica PO-548 (Pontecesures-Vilagarcía), no tramo que discorre polo termo municipal de Valga.
A actuación ten por obxectivo reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade de vehículos nas mellores condicións. Estase a reparar o firme mediante o fresado e posterior aplicación dunha nova capa de rodadura.
En datas vindeiras procederase ao pintado da sinalización horizontal, na que se producirán cambios que afectarán principalmente ás interseccións entre a PO-548 e outras estradas locais. Estas melloras foron solicitadas á Consellería polo Concello, para así reforzar a seguridade dos usuarios e facilitar os movementos de incorporación ou abandono da vía.