Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O representante autonómico e o alcalde descubriron a placa que dá por inaugurado oficialmente o edificio da Praza Manuel Vicente Cousiño

- Coa aportación da Xunta adquiríronse vitrinas expositivas e mobiliario para diferentes dependencias, reforzouse a sinalización e mellorouse a iluminación do Museo

ConselleiroCultura1

Valga, 3 de abril de 2023.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, estivo esta tarde en Valga visitando o Museo da Historia e o Edificio de usos administrativos, para os que o seu departamento concedeu senllas subvencións coas que se melloraron as zonas expositivas, o mobiliario e a sinalización. Tamén participou nos actos o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. O alcalde, José María Bello Maneiro, e os concelleiros Carmen Gómez, Pedro Calvo, José Ángel Souto, Malena Isorna e José Lagos acompañaron aos representantes da Xunta no percorrido polos inmobles municipais.

A primeira parada tivo lugar no Museo da Historia, onde o conselleiro comprobou as melloras acometidas cos fondos aportados pola Consellería como a adquisición de vitrinas e mobiliario expositivo para poder incorporar novos fondos e materiais as coleccións tanto físicas como multimedia. Ademais, executáronse melloras na iluminación de diferentes salas e instaláronse cartelas identificativas de distintos elementos expositivos.

Román Rodríguez fixo un percorrido polas instalacións, nas que se expoñen contidos sobre o territorio e os recursos naturais de Valga, a historia da localidade a través dos vestixios deixados polos seus poboadores (petróglifos, restos arqueolóxicos...), o patrimonio cultural e artístico e os seus persoeiros máis ilustres, coma A Bella Otero ou Xesús Ferro Couselo, entre outros.

ConselleiroCultura2 ConselleiroCultura3

A continuación, o conselleiro, o alcalde e o resto de representantes autonómico e municipais desprazáronse ata o Edificio de usos administrativos, na Praza Manuel Vicente Cousiño. A visita de Román Rodríguez foi aproveitada para inaugurar oficialmente o inmoble, que acolle servizos coma o Xulgado de Paz, Radio Valga, a Policía Local, unha sala multiusos, despachos, a biblioteca e o arquivo municipal.

ConselleiroCultura5

A través da subvención da Consellería de Cultura, completáronse o equipamento e o mobiliario destas dúas últimas estancias. Adquiríronse estantes, módulos de librarías, cadeiras, bancadas e butacas, entre outros mobles, que permitiron espazo polivalente que pode facer as funcións de sala de consulta, de lectura, de estudo, de investigación ou para a realización de traballos. Tamén se adecuou un almacén para biblioteca.

No referido ao arquivo municipal, dotouse a esta área de estantes para a conservación e organización da documentación xerada polo Concello dende a súa creación e ata a actualidade.

Por último, dotouse ao edificio de usos administrativos de nova sinalización, tanto exterior con rótulos de aceiro cortén, coma interior con letreiros de metacrilato.

ConselleiroCultura4 ConselleiroCultura6

Sobre este inmoble, o alcalde destacou que “durante esta lexislatura intensificáronse as obras de acondicionamento e dotación de equipamento a través de aportacións dos orzamentos municipais e tamén mediante subvencións, principalmente da Xunta de Galicia”.

P8030149 1 ObrasEdificioAdm

Volver