- O horario de apertura das instalacións queda fixado os luns de 8:00 a 15:00 e os xoves de 14:00 a 21:00 horas, excepto festivos
- Mantense, igualmente, a recollida de enseres e voluminosos porta a porta os últimos venres de cada mes
Valga, 3 de abril de 2023.
O Punto Limpo e a planta de residuos da construción están abertos de novo dende hoxe para que os veciños de Valga poidan depositar, de xeito gratuíto, residuos que non deben botarse nos contedores de recollida selectiva. As instalacións, que pasan a ser xestionadas directamente polo Concello, funcionarán dende agora co seguinte horario de apertura: os luns de 8:00 a 15:00 e os xoves de 14:00 a 21:00 horas, excepto días festivos. O Xoves Santo, por exemplo, estará pechado.
Os usuarios deben acceder pola entrada situada ao fondo, a máis próxima á depuradora, zona na que se atopa a oficina e na que, ademais, se habilitou unha rampla para que poidan entrar vehículos e facilitar, así, o depósito dos residuos. Se, por algún motivo, o persoal do Punto Limpo non se atopa nas instalacións, pode chamarse ao número teléfono 609 469 709.
No recinto poden depositarse os seguintes residuos:
• Colchóns, mobles e outros voluminosos
• Restos metálicos
• Madeira
• Electrodomésticos e aparellos electrónicos
• Plástico agrícola
• Plástico duro (canalóns, PVC, persianas, tubaxes...)
• Poliespán
• Pintura
• Vidro de ventás, vasos, copas ou espellos.
• Entullos e escombro (pedra, formigón, ladrillo, azulexo, tella ou cerámica)
• Aerosois (baleiros)
• Envases plásticos ou metálicos (baleiros)
• Restos de poda
• Aceite de vehículos
• Aceite de cociña
• Roupa, restos téxtiles e calzado
• Pilas
• Tóner de impresoras
No referido á recollida de escombros, será tamén gratuíta para as persoas empadroadas en Valga presentando a correspondente licenza de obra e ata un máximo de 50 quilos ao día e 500 quilos ao ano.
As persoas que non estean censadas no concello só poderán depositar escombro na planta de residuos da construción, debendo abonar a taxa correspondente segundo o recollido na ordenanza municipal en vigor.
En canto ás empresas, o Punto Limpo non recolle os residuos xerados pola súa actividade xa que están obrigadas a tratar, a través de xestores autorizados, os seus propios residuos, segundo a Lei 7/2022 de Residuos e Solos Contaminados para unha economía circular.
Á marxe deste servizo, mantense igualmente a recollida de voluminosos porta a porta, que se realiza tamén de balde os últimos venres de cada mes.