- Bello Maneiro califica as acusacións de PSOE, Mareas e BNG de “manifestamente falsas” e pídelles que cesen na súa “persecución e pidan perdón”
- “Mentras eu sexa alcalde as comisións de coordinación seguirán existindo, porque son legais e imprescindibles para o bo funcionamento do goberno”
Valga, 31 de marzo de 2023.
O alcalde, José María Bello Maneiro, realizou esta mañá unha comparecencia sobre o informe do Consello de Contas en relación ás Comisións de Coordinación e ao cobro de dietas por parte do secretario e do interventor. O rexedor lembrou que ambos asuntos xa foron dirimidos nos tribunais de xustiza, que emitiron sentenzas e resolucións firmes avalando o proceder do goberno municipal.
“As supostas irregularidades sinaladas polo Consello de Contas xa tiveron pronunciamentos xudiciais por órganos competentes e con capacidade resolutiva”, polo que as denuncias formuladas insistentemente polo PSOE de Valga, as Mareas e agora tamén o BNG “son manifestamente falsas”, ratificou o alcalde. Neste sentido, Bello Maneiro lembrou que “o Consello de Contas ten unha función meramente informativa, sen ningunha capacidade resolutiva ou sancionadora, e está a contravir co seu informe os pronunciamentos de organismos superiores”.
En relación ás Comisións de Coordinación, o rexedor lembrou que se crearon en 1991 "co voto a favor do PSOE”, e dende entón contaron con supervisión de seis secretarios e cinco interventores sen que ningún puxera reparos. Ademais, un dos concelleiros denunciantes, Javier Carballo, volveu a votar a favor da súa creación no Pleno celebrado en xuño de 2011, no que se aprobou a organización municipal para a lexislatura 2011-2015. Nesta sesión, a constitución das comisións foi aprobada por unanimidade de toda a Corporación, composta naquel momento por PP, PSOE e tamén BNG.
A denuncia presentada polos concelleiros socialistas “foi arquivada catro veces, con resolución firme da Audiencia Provincial na que tres maxistradas ratificaron que non existiu delito de prevaricación administrativa nin malversación porque existía control por parte dos distintos secretarios e interventores, que nunca puxeron obxección á creación das comisións nin aos pagos pola asistencia dos concelleiros, que está acreditada”.
Bello Maneiro explicou que a Lei 7/1985, Reguladora das Bases de Réxime Local, outorga ás administracións locais a potestade de autoorganización, á que obedecen as Comisións de Coordinación. Estas son un órgano colexiado non decisorio, polo que non é preciso que un funcionario exerza como secretario, senón que pode facelo un membro da propia comisión. Así o establece a Lei 40/2015, de Réxime Xurídico do Sector Público. Un exemplo disto é o Consello de Ministros, no que un membro do mesmo, o ministro de Xustiza, exerce de secretario.
“Mentres eu sexa alcalde, seguirá habendo Comisións de Coordinación, sempre dentro da legalidade, posto que son imprescindibles para o bo funcionamento do goberno municipal e así o temos comprobado durante todos estes anos”, conclúe o primeiro edil.
En canto ao cobro de dietas por parte do secretario e do interventor, o alcalde lembrou que esta cuestión xa foi denunciada ante os tribunais de xustiza por Cosital (Colexio de secretarios, interventores e tesoureiros), polo PSOE e polas Mareas de Valga, sempre con resolucións favorables ao Concello. A última denuncia, a do concelleiro das Mareas Manuel Castiñeiras, foi arquivada no pasado mes de xaneiro polo Xulgado de Instrución nº 2 de Caldas.
A xustiza falou e por iso “agardamos que os denunciantes pidan perdón tanto a este goberno coma ao secretario e ao interventor municipais, grandes profesionais, e que cesen a súa persecución constante”. En canto ao Consello de Contas, "agardamos que rectifique o seu erro, corrixa o seu informe e o adapte ás resolucións xa firmes emitidas polos órganos xudiciais”, dixo o alcalde. Ademais, anunciou que “o goberno local puxo toda a información referida a este asuntos en mans dun gabinete xurídico para que estude a posibilidade de emprender accións legais contra os denunciantes e en defensa da nosa honorabilidade, traballo e dedicación ao Concello. Non nos van dar leccións sobre traballar a prol dos intereses xerais dos veciños, como vimos demostrando dende hai máis de 30 anos. Non van ser eles os que boten por terra todo este traballo”.