Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os veciños teñen á súa disposición as follas de firmas tanto no Concello coma no Auditorio Municipal

- A campaña tamén se desenvolverá en empresas e centros educativos locais

TrenVilarello

Valga, 30 de marzo de 2023.

A recollida de sinaturas anunciada o pasado luns polo alcalde, José María Bello Maneiro, para reivindicar a creación dunha parada de tren (estación-apeadoiro) ponse hoxe en marcha en distintos puntos do municipio, tratando de facilitar o máximo posible a participación da veciñanza nun asunto de “máximo interese para Valga”, sinala o rexedor.

As follas de firmas estarán a disposición de todos os veciños no Concello e no Auditorio Municipal. Ademais, tamén se fixeron chegar a algunhas das principais industrias e empresas de Valga, para que asinen os seus traballadores, e ao IES e ao Centro Superior de Música, para que o seu alumnado participe na campaña. As sinaturas recollidas faranse chegar á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta e á Delegación do Goberno en Galicia para que respalden esta vella demanda do Concello.

A creación dunha parada de ferrocarril en Valga sería de “vital importancia” para o municipio, xa que favorecería a mobilidade dos traballadores das industrias locais, de estudantes matriculados nos centros educativos valgueses, dos veciños que precisan desprazarse a outras localidades e cidades por motivos laborais ou para estudar na Universidade e para a poboación en xeral, que precisa conexións con servizos básicos coma, por exemplo, hospitais.

A posta en marcha desta campaña anunciouse a comezos desta semana nunha xuntanza que o alcalde mantivo con diferentes axentes sociais de Valga –representantes dos sectores empresarial, educativo e cultural– e con representantes do Sector Ferroviario de Comisións Obreiras (CCOO). Nesta reunión anunciouse que o ADIF (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) xa ten encargado ao Ineco (sociedade de enxeñería e consultoría do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana) un estudo sobre a posible creación dun apeadoiro en Valga.

Volver