- Tamén executaron traballos da especialidade de forestais no Parque Irmáns Dios Mosquera, Mina Mercedes e Praza do Concello, entre outros espazos
- Vinte persoas desempregadas de Valga e Moraña reciben formación a través deste proxecto
Valga, 29 de marzo de 2023.
Os aprendices da especialidade de forestais do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VI levan xa varias semanas realizando prácticas formativas e traballos de utilidade pública en espazos de lecer e zonas verdes de Valga. Un exemplo é a área fluvial de Vilarello, onde esta mañá recibiron a visita da concelleira de Formación e Emprego, Carmen Gómez, á que acompañaron o edil Pedro Calvo e a directora do Obradoiro, Mª Carmen Vidal.
Os dez alumnos están a realizar desbroces, podas de redución de copa, podas de saneamento, traballos de limpeza e outras tarefas. Dirixidos pola docente desta especialidade, Ana María Jiménez, catro aprendices encárganse de desbrozar, dous realizan podas e contan con outras dúas persoas de apoio para a retirada de ramas. Os outros dous alumnos que completan o equipo teñen encomendas tarefas varias coma a retirada de hedras dos carballos para evitar que cheguen a asfixiar as árbores.
Traballos similares acometéronos tamén na Mina Mercedes, Parque Irmáns Dios Mosquera, Praza do Concello, xardín do Museo da Historia, Casa da Cultura, CODI e nos colexios, entre outros espazos. Ademais, actuaron na Ponte do Souto, en Campaña, onde realizaron desbroces, tarefas de limpeza da canle do río con retirada de lixo incluída, podas e eliminación de pés de árbores enfermas e de especies invasoras.
Todos os restos de podas destas actuacións serán triturados para empregar como material estruturante para a compostaxe, evitando así prácticas nocivas para o medio ambiente como as queimas.
O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia VI, promovido polos concellos de Valga e Moraña, é unha iniciativa orientada a mellorar a empregabilidade e a favorecer a inserción laboral de vinte persoas desempregadas nas especialidades de forestais e carpintería, con sesións teóricas nas que adquiren os coñecementos necesarios sobre estas dúas profesións e, tamén, coa realización de prácticas consistentes en obras de interese público. A Consellería de Promoción do Emprego da Xunta subvenciona este proxecto con 504.000 euros.