Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- No ano 2022 recicláronse 232 toneladas de biorresiduos e restos de fracción vexetal, que se converteron en 57 toneladas de compost

- Dende a posta en marcha do Plan Revitaliza, a taxa de recollida selectiva elevouse do 15% a case un 28%

ValgaComposta

Valga, 1 de abril de 2023.

O programa de compostaxe posto en marcha polo Concello de Valga a través do Plan Revitaliza da Deputación permitiu reciclar durante o ano 2022 unhas de 232 toneladas de materia orgánica, entre biorresiduos e restos de fracción vexetal, que foron tratados nos tres centros de compostaxe comunitaria existentes e nos arredor de 1.000 composteiros individuais repartidos entre as familias do municipio. Isto supón que os valgueses están a compostar arredor do 12% do total de residuos que se xeran na localidade.

A compostaxe implantouse en Valga a finais de 2020 e, no seu primeiro ano de funcionamento, xestionáranse 95 toneladas de materia orgánica e fracción vexetal, obténdose como resultado 23 toneladas de compost. O salto foi cuantitativo, xa que estas cifras víronse incrementadas o ano pasado en máis dun 140%. Así, as 232 toneladas de residuos que se trataron mediante a compostaxe durante 2022 deron como resultado a obtención de 57 toneladas de abono natural.

Grazas aos resultados do programa de compostaxe, estase a ver incrementada, ademais, a taxa de recollida selectiva. Cando se puxo en marcha o Plan Revitaliza era do 15% e, en apenas dous anos, case se duplicou, chegando ao 28%.

O Concello conta con tres centros de compostaxe comunitaria situados na Avenida da Coruña, na rúa Doutor de Oya Salgueiro e no colexio Baño-Xanza. Os dous primeiros están abertos á utilización por parte dos veciños, que depositan alí os seus residuos orgánicos. No composteiro do CEIP Baño-Xanza recíclanse os restos do comedor do colexio, no que xantan case 250 alumnos.

A isto hai que engadir os case 1.000 composteiros domésticos repartidos polos fogares valgueses, unha cifra que aínda é susceptible de aumentar posto que, se algunha familia, quere sumarse ao programa aínda pode solicitar de xeito gratuíto no Concello o seu composteiro individual no que depositar os restos orgánicos xerados no seu fogar, contribuíndo a reducir a cantidade de residuos que acaban nos contedores da fracción resto.

Os dous mestres composteiros contratados polo Concello encárganse de supervisar a evolución do programa, controlando o funcionamento dos centros de compostaxe comunitaria e realizando visitas ás familias que dispoñen de composteiros domésticos para resolver as posibles dúbidas que poidan ter.

Trituración de residuos

Vencellado á compostaxe, o Concello conta con outro servizo á disposición dos veciños: o préstamo de trituradoras de biorresiduos, que é tamén gratuíto. Dende a súa posta en marcha, téñense contabilizados 35 préstamos a 22 usuarios. Estes aparellos permiten triturar restos de podas ou limpezas domésticas que despois poden ser utilizados como estruturante no proceso de compostaxe. O beneficio ambiental é notable, posto que se evita a realización de queimas e contribúe a reducir a emisión de CO2 á atmosfera.

O Concello tamén dispón dunha trituradora de maiores dimensións para moer a madeira e restos de podas realizadas nos parques e zonas verdes de titularidade municipal. Dende que está en uso evitouse a solicitude dunha trintena de permisos de queima.

Volver