Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A empresa incumpriu a data de reapertura á que se comprometera co Concello e a Deputación

- Os condutores deben circular pola estrada municipal a Raxoi e para o transporte escolar empregarase un minibús

Corte copia

Valga, 20 de marzo 2023.

A estrada de San Miguel, á altura da igrexa parroquial, continuará cortada ao tráfico durante esta semana, ao incumprir a empresa adxudicataria das obras o compromiso dado ao Concello e á Deputación, que foi o de reabrir a vía á circulación de vehículos a partir de mañá.

O corte afecta ao tramo da EP-8501 comprendido entre a igrexa e a escola de Chenlo (do punto quilométrico 1’05 ao 1’50), no que se están a desenvolver traballos de mellora da seguridade viaria.

Polo tanto, os condutores deben seguir empregando como alternativa a estrada municipal que chega ata a parte alta de Raxoi.

No caso do transporte escolar, estanse a ver afectados os alumnos do CEIP Baño-Xanza e do IES de Valga residentes nos lugares de Chenlo e Raxoi. Estes rapaces están a ser trasladados en minibús dende as paradas habituais do transporte ata o cruce de Raxoi, onde os recolle o autobús para levalos aos seus centros educativos. O mesmo sistema emprégase ao remate da xornada escolar, cando van en autobús ata Raxoi e, dende alí, trasládanse en minibús ata as paradas de costume.

Corte copia

 

Volver