Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os mestres Pere Molina e Manuel Villar imparten na última fin de semana do mes o terceiro encontro do Curso de Dirección Musical

- Joaquín Arosa Trapote expón a colección de pinturas “Orixe” ata o día 28

auditorio2

Valga, 3 de abril de 2018.

O Auditorio Municipal ten xa pechada a súa programación para este mes de abril, que comeza o vindeiro domingo cun concerto de solistas de acceso a Grao Profresional. Esta actividade forma parte dun ciclo de concertos organizado pola Escola Municipal de Música e que se prolongará ata o domingo 22. O venres 13 actuarán solistas de vento metal e canto, o sábado 14 será o turno dos solistas de saxofón e percusión, o venres 20 as actuacións correrán a cargo dos solistas de vento madeira e, por último, o domingo 22, solistas de corda e piano. A entrada é de balde para todos os concertos. Ademais, o sábado 21 retómase a “Música coas nosas bandas” coa Xove Banda de Narón, dirixida por Francisco San Román Calvo.

Trala música, na mañá do xoves 26 chegará o turno do teatro, cunha sesión para escolares de Valga a cargo da compañía Ubú Teatro, que porá en escena unha adaptación da novela “Leonardo e os fontaneiros”, de María Victoria Moreno Vázquez, autora á que se adica este ano o Día das Letras Galegas. A obra, galardoada en 1985 co 3º Premio Barco de Vapor, conta a historia do can Leonardo, Antón e os seus compañeiros de curso, os “fontaneiros”.

A mesma autora inspira tamén a obra “Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos”, que Matrioshka Teatro representará o domingo 29 con entrada de balde para todo o público. Este espectáculo ofrece un percorrido pola vida e obra de María Victoria Moreno, escritora, mestra e pioneira da literatura infantil e xuvenil en galego.

Durante a última fin de semana de abril, do día 27 ao 29, celébrase o terceiro e último encontro do curso de dirección musical que organizan a Escola Municipal de Música e o Concello de Valga  e que ten aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 16 de abril. A actividade admite un máximo de oito alumnos que terán como mestres a Pere Molina González e Manuel Villar Touceda e traballarán a obra “IV Sinfonía” de Gustav Mahler con sesións de técnica e didáctica da dirección, análise e estudo do repertorio, orquestración, psicoloxía da dirección e práctica e ensaios coa agrupación residente Camerata Arven.

O sábado 28, as instalacións municipais acollerán o XXXIII Campionato Galego de Culturismo e Fitness, organizado pola Federación Galega. Ademais da competición, que se desenvolverá a partir das 12 horas pola mañá e se retomará ás cinco da tarde, entregaranse as becas aos atletas galegos que fixeron podio nos campionatos nacionais. As entradas poden adquirirse o mesmo día por 15 euros.

Ademais, durante todo o mes pode verse na sala de exposicións do Auditorio a mostra de pintura “Orixe”, de Joaquín Arosa Trapote.

auditorioabrill

Volver