- Deben entregar no Concello unha memoria da actuación, fotografías do lugar e a folla de solicitude cuberta e asinada por tres representantes
- Haberá premios de 300, 200 e 100 euros aos participantes e un galardón especial de 150 euros á mellor conservación
Valga, 17 de marzo de 2023.
O Concello convoca un ano máis o concurso “Embelecer Valga”, que pretende implicar á veciñanza no coidado e rehabilitación de espazos e zonas comúns do municipio para o seu posterior desfrute por parte de toda a poboación.
O certame premia ao lugar máis fermoso acondicionado polos veciños, que deberán agruparse para levar a cabo accións consistentes na limpeza, mellora, dotación de equipamentos ou ornamentación. Deste xeito, búscase poñer en valor os espazos cos que conta o concello, fomentar o traballo comunitario e a integración social e promover o respecto polos lugares e mobiliario públicos.
Poden participar comisións de carácter veciñal, asociativo ou de calquera outro tipo, que deben entregar no Concello unha solicitude encabezada por un representante e asinada por un mínimo de tres membros. Ademais, teñen que entregar unha pequena memoria descritiva das accións de mellora a desenvolver e os materiais que se estimen precisos, incluíndo fotografías que reflexen o estado actual do lugar no que se levarán a cabo as actuacións.
Técnicos do Concello serán os encargados de avaliar os proxectos e aprobar, total ou parcialmente, as actuacións propostas polos grupos veciñais. Tamén se encargarán da entrega do material necesario para a execución das obras aprobadas.
O prazo para presentar as solicitudes finaliza o día 31 de maio e as obras terán que estar rematadas na penúltima fin de semana de agosto, cando o xurado visitará os lugares para a súa avaliación.
Valoraranse aspectos como adecuación final á memoria presentada, a orixinalidade e a creatividade nos deseños e elementos decorativos, o aproveitamento dos recursos e materiais da zona, a conservación e deseño de espazos verdes coma xardíns e áreas recreativas, a recuperación de elementos existentes no lugar e o fomento da cultura e da tradición locais.
O proxecto mellor valorado será premiado con 300 euros, o segundo recibirá 200 euros e o terceiro, 100 euros. Os tres primeiros clasificados recibirán tamén un trofeo e o resto de participantes serán gratificados con 100 euros e un diploma conmemorativo. Ademais, outorgarase un premio especial de 150 euros á comisión que mellor manteña e conserve o estado do lugar durante todo o ano. Este premio entregarse na edición seguinte.
Os gañadores daranse a coñecer durante a celebración da XXXIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.