- O evento é organizado polo Club Karate Valga, que este ano celebra o seu vixésimo aniversario
- O alcalde asistiu esta mañá ao acto de presentación da competición, no Salón de Plenos
Valga, 16 de marzo de 2023.
O alcalde, José María Bello Maneiro, participou esta mañá na presentación do VII Campionato de Karate, que se celebrará o sábado, 25 de marzo, no pavillón municipal de Baño promovido do Club Karate Valga. Ao acto, que tivo lugar no Salón de Plenos, tamén asistiron a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, e o concelleiro de Cultura e Xuventude, Pedro Calvo, así coma tres representantes do club organizador: a secretaria Lorena Álvarez, a tesoureira Andrea Gestoso, e o karateka Javier Domínguez, vixente campión da Copa de España de Estilos en categoría sub-21.
O campionato contará coa participación de arredor de 170 deportistas de quince clubs de toda Galicia. Na modalidade de Kata participarán rapaces dende categoría benxamín (menos de 7 anos) ata cadete (14 anos), e tamén veteranos de máis de 35 anos.
Na modalidade Kumite (combate) haberá competecións dende a categoría alevín (8 anos) ata cadete (14).
O Club Karate Valga, que celebra este ano o seu vixésimo aniversario, conta con 93 deportistas federados dende os 3 ata máis de 50 anos de idade, que participan en distintos campionatos rexionais e tamén nacionais.