- A actividade contou coa participación de alumnado do colexio Baño-Xanza e coa colaboración do Concello
- Involucrar aos rapaces no coidado do medio natural é o obxectivo desta iniciativa, que cumpriu a súa oitava edición
Valga, 15 de marzo de 2023.
Trinta e oito estudantes de 6º curso de Primaria do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza participaron esta mañá nunha plantación de árbores con motivo do Día Forestal Mundial, organizada pola Comunidade de Montes de San Miguel e o Servizo Provincial de Montes e que contou, amais, coa colaboración do Concello de Valga e da empresa Norfor (filial de Ence) . A actividade tivo lugar na zona de Laceiras, no bordo dunha pista forestal na que, conforme á lexislación, se eliminaron piñeiros e eucaliptos para substituílos por especies autóctonas frondosas coma carballos, castiñeiros, cerdeiras, freixos e sobreiras, que en caso de incendio forestal contribúen a frear o avance do lume. Plantáronse preto de 400 árbores.
Os rapaces, divididos en grupos, contaron coa axuda dunha brigada de bombeiros forestais do Distrito XIX Caldas-Salnés. Aprenderon a cavar os buratos empregando sachos e aixadas, explicáronlles a que profundidade deben plantarse as árbores e como cubrilas coa terra para que enraícen e broten. “Durante os primeiros anos necesitarán coidados e nun prazo aproximado de dúas décadas isto converterase nunha zona de monte xa bastante pechado”, explicou o xefe do distrito, Pedro López, que se desprazou a Laceiras para comprobar o desenvolvemento da actividade.
“Hai anos que traballamos en colaboración coa Comunidade de Montes de San Miguel e os resultados das primeiras plantacións que realizamos xa se empezan a ver”, destacou. “Este tipo de actividades divulgativas son moi gratificantes porque os rapaces pásano ben e entran en contacto coa natureza e o monte agradéceo”.
Ademais da plantación, os escolares tiveron a ocasión de ver de cerca e por dentro un camión anti incendios, que desplazou á zona o persoal do Distrito foretal. Tamén realizaron manobras coas mangueiras, coas que aprenderon a crear o arco iris grazas á mañá solleira de hoxe.
Tralas actividades, os rapaces repuxeron forzas cuns bocadillos e despois realizaron unha pequena camiñata ata o petróglifo Pedra da Serpe.