Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os usuarios realizaron un mural que reflexa os diferentes ciclos da vida das mulleres

- Tamén realizaron unha homenaxe á música feminina galega a través de figuras coma Ana Kiro, Susana Seivane ou Tanxugueiras

8MCODI1

Valga, 9 de marzo de 2023.

As actividades conmemorativas do Día Internacional da Muller continúan en Valga, desta volta da man do CODI e dos seus usuarios que están a realizar diversas actividades sobre igualdade. Unha delas consistiu na elaboración dun mural nunha das paredes interiores do centro no que se reflexan os diferentes ciclos da vida dunha muller.

Antes de iniciar o pintado, cada un dos participantes expresou as que, pensaban, son as características máis significativas de cada etapa, dende a nenez –onde a maioría coincidiron en que se trata dunha fase de experimentación, tenrura e coidados– ata a terceira idade, na que os nosos maiores transmiten sabedoría e serenidade. Todas estas etapas van unidas cunha alegación a prol da sororidade, como clave para conseguir a necesaria unión entre mulleres na loita contra o sexismo e as súas consecuencias sociais.

Outro dos proxectos desenvolvidos polo CODI con motivo do 8-M foi unha homenaxe á música feminina galega, poñendo en valor a algunhas das mulleres músicas que traballan ou traballaron a prol da nosa cultura: Ana Kiro, Mercedes Peón, Susana Seivane, Tanxugueiras, Malvela, Pili Pampín ou Uxía, entre outras moitas.

Os usuarios buscaron información sobre estas artistas e grupos e escribiron en cartolinas os seus nomes e o xénero musical que representan. Ademais, colaboraron na elaboración de figuras de barro con algúns dos instrumentos musicais que estas mulleres empregan sobre o escenario.

A programación do 8 de marzo continúa mañá venres, coa sesión “Contos en lila”, a cargo de Cris de Caldas. A actividade, dirixida a público familiar, terá lugar no Auditorio Municipal a partir das 17:30 horas con entrada de balde.

8MCODI2         8MCODI3

8MCODI4 8MCODI5

Volver