- Trátase dun curso online gratuíto sobre a aplicación das novas tecnoloxías á actividade profesional
- A inscrición pode realizarse no Auditorio ou premendo ou a través do portal web da Rede CeMIT
Valga, 2 de abril de 2018.
A Aula CeMIT de Valga retransmite mañá martes ás 12:30 horas unha videoconferencia de presentación do programa “Sé+Dixital”. A actividade é organizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e co operador Orange como aliado dixital do Plan de Inclusión.
“Sé+Digital” é un programa de formación online, gratuíto e de seis semanas de duración. Os contidos, de 20 horas de duración, ofrecen a empresarios e emprendedores as ferramentas dispoñibles para mellorar a súa actividade profesional e as aplicacións da tecnoloxía para dixitalizar e desenvolver os seus negocios desde os seus municipios. O enfoque é práctico e oriéntase ao día a día dos cidadáns e dos seus negocios. Inclúe vídeos explicativos e testemuños sinxelos, accesibles a través dunha plataforma de teleformación.
O programa conta con expertos e especialistas de renome, que responderán a cuestións como:
- Que preciso saber para ser dixital?
- Como podo facer negocios dixitais dende a miña cidade?
- Como impacta a tecnoloxía nos novos modelos de negocio?
- Como promocionar o meu negocio dende a miña cidade?
- Como podo financiar o meu negocio?
- Outras oportunidades de negocio no ámbito dixital.
O alumnado que complete a formación obterá un Certificado oficial da Escola de Organización Industrial.
As persoas interesadas en seguir esta xornada, que se retransmite dende o Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela, aínda poden inscribirse na Aula CeMIT de Valga, emprazada no Auditorio, ou a través do seguinte enlace: https://cemit.xunta.gal/gl/actividade/24600. O número de prazas dispoñibles é de 20.