Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A directora do CIM deu lectura a un manifesto remarcando a importancia da socialización en igualdade dende a infancia

- O alcalde tivo palabras de agarimo para a familia das valguesas Sandra e Alba Boquete e Mª Elena Jamardo, asesinadas nun crime machista está a ser xulgado nestes días

Concentración8 M1

Valga, 8 de marzo de 2023.

O Concello de Valga realizou esta mañá unha concentración simbólica con motivo do Día Internacional da Muller para reivindicar a igualdade real en todos os ámbitos e os dereitos das mulleres. No acto participaron tanto os traballadores coma representantes políticos, encabezados polo alcalde, José María Bello Maneiro, que tivo unhas palabras de lembranza e agarimo para a familia e os achegados de Sandra e Alba Boquete e Mª Elena Jamardo, asasinadas hai máis de tres anos nun dos crimes machistas máis horrendos que se recordan e que nestes días está a ser xulgado.

Durante a concentración, a coordinadora do Centro de Información á Muller (CIM), Teresa García, deu lectura a un manifesto:

“Hoxe 8 de marzo, Día Internacional da Muller, seguimos falando do mesmo. Continuamos loitando por unha igualdade real que non chega e das distintas fendas que seguen a afectar ás mulleres. E todo isto enmarcado nun inicio de ano tráxico, con 10 mulleres asasinadas e 14 nenos ou adolescentes orfos.

A prevención e a sensibilización son claves para conseguir o que tanto tempo levamos reivindicando, porque non chega con saír á rúa, non chega con facer días de loito polas vítimas nin manifestos ou alegados de liberdade. Iso non é suficiente.

Hai que concienciar aos máis mozos, xa que diferentes investigacións indican que un de cada dez homes novos pensan que a violencia de xénero non existe, ou que é un invento ideolóxico.

Resulta imprescindible concienciar sobre a realidade das violencias machistas, as súas manifestación, as súas manifestacións e as súas consecuencias, problemática que tamén está afectando a adolescentes. Construír diferentes modelos de relacionarnos, fomentar actitudes e condutas máis respectuosas e libres de violencia.

É preciso recalcar a importancia da socialización en igualdade dende a infancia, para desterrar roles, prexuízos de xénero e modelos sociais que sustentan a desigualdade.

Por iso é necesario investir en prevención a través de recursos e instrumentos de educación e socialización, co fin de erradicar os comportamentos e actitudes sexistas en todas as etapas educativas.

Só así conseguiremos que a desigualdade sexa algo do pasado e a igualdade se converta no presente e no futuro da nosa sociedade”.

O Concello celebrou o pasado domingo o acto central conmemorativo do 8-M, coa homenaxe ás valguesas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. Este venres haberá unha nova actividade no Auditorio: “Contos en Lila”, con Cris de Caldas a partir das 17:30 horas.

A andaina que estaba programada para esta tarde, “Camiñando xuntas”, foi aprazada para o día 22 de marzo debido ás malas condicións meteorolóxicas.

Concentración8 M2 Concentración8 M3

Volver