Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O IES colaborará nos ensaios realizando unha plantación de millo, tomate, leituga e xudía

- Compararanse os resultados dos cultivos en función do abono utilizado: compost ou fertilizante químico

AcordoCSIC1

Valga, 3 de marzo de 2023.

O Concello asinou un acordo de colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia, centro adscrito á área de Ciencias Agrarias do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), para estudar a potencialidade agrícola do abono natural que se produce en Valga a través do sistema de compostaxe, tanto comunitario como doméstico, implantado hai máis de dous anos.

O convenio foi asinado polo director da Misión Biolóxica, Rafael Zas, e polo alcalde, José María Bello Maneiro, que recibiu esta mañá na Casa Consistorial a dous dos expertos que participarán no estudo: Pedro Peón, xestor de proxectos do centro, e Pedro Revilla, investigador científico e coordinador do proxecto internacional “Dromamed” de promoción de sistemas agrícolas innovadores, no que se enmarca este acordo.

O obxectivo é por en valor as potencialidades do compost urbano para uso agrícola fronte aos fertilizantes inorgánicos ou químicos, avanzando cara un sistema produtivo máis sostible e con menor impacto no medio ambiente. “Queremos demostrar que o compost é válido e óptimo e que non ten repercusións negativas ou indesexadas” sobre os cultivos ou sobre o solo, de maneira que poida chegar a comercializarse de forma regular. Ata o de agora, o valor deste compost urbano como fertilizante non ten sido demostrado experimentalmente, polo que a súa utilización en agricultura non está implantada a grande escala.

O estudo contará coa colaboración do IES de Valga a través do ciclo de FP de Agroxardinería e composicións florais, implantado este mesmo curso no centro. Faranse senllos ensaios experimentais tanto no IES coma na finca que a Misión Biolóxica de Galicia ten en Salcedo (Pontevedra). Plantaranse millo e outros tres produtos agrícolas de verán (tomate, leituga e xudía), representando aos cultivos destinados ao consumo de cereal, folla, froito e leguminosa. Trátase de produtos tradicionais e representativos da horticultura na zona.

Con cada un dos catro cultivos farase unha plantación abonada con compost natural e outra con fertilizante inorgánico convencional e, na época de colleita, tomaranse datos sobre a altura das plantas, rendemento e caracteres específicos de cada cultivo, para comparar os resultados.

O compost que se empregará para o estudo será o producido no composteiro comunitario do CEIP Baño-Xanza.

Estes ensaios faranse durante os anos 2023 e 2024 e os datos obtidos serán analizados e empregaranse na redacción dun informe que se publicará nunha revista especializada.

AcordoCSIC2

Volver