- Melloraranse o saneamento, abastecemento e alumeado e reporanse tamén as beirarrúas
- O proxecto, no que se invisten 225.437 euros, finánciase a través do Plan Concellos da Deputación
Valga, 2 de marzo de 2023.
O Concello está a executar obras de mellora e renovación dos servizos na marxe esquerda da Avenida da Coruña (N-550), en Pontevalga, nun tramo de aproximadamente 500 metros dende a Casa do Concello ata pasar o edificio Bella Valga. O proxecto conta cun orzamento de 225.437 euros, que se financian a través do Plan Concellos 2022.
Con esta actuación preténdese dotar esta zona urbana de todos os servizos necesarios así como resolver as deficiencias que presentan os xa existentes debido, entre outras circunstancias, á antigüidade das canalizacións que causan reiterados problemas.
As obras, que foron adxudicadas á empresa Covsa, darán solución a estas deficiencias mediante a renovación das vellas canalizacións, pero ademais engadiranse aquelas que actualmente non existen para dotar á zona dun servizo axeitado e de maior calidade.
Os traballos consisten no levantado das beirarrúas e retirada das canalizacións existentes para a súa substitución por novas tubaxes de saneamento, abastecemento, recollida de augas pluviais e alumeado público. Tamén se dotará á zona de canalizacións de electricidade e fibra, eliminándose o cableado aéreo en todo o tramo. Finalmente, reporanse as beirarrúas en formigón coloreado.
Durante o período de execución das obras produciranse restricións de tráfico na estrada N-550, con cortes intermitentes no carril esquerdo. A circulación está sendo regulada mediante semáforos.