- As actuacións diríxense ao control exhaustivo dos recursos hídricos para garantir a subministración e o seu correcto uso
- O cantidade global solicitada polos seis municipios ascende a 1’6 millóns de euros
Valga, 3 de marzo de 2023.
O Concello de Valga vén de presentar a súa solicitude para a obtención de fondos na primeira convocatoria de subvencións para a mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga no marco do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) de Dixitalización do ciclo da auga, promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e dos fondos europeos Next Generation. O obxectivo é transformar e modernizar os sistemas de xestión da auga a través do uso das novas tecnoloxías para avanzar en eficiencia e reducir as perdas nas redes de subministración.
A solicitude do Valga forma parte dun proxecto conxunto da denominada Agrupación Galicia Norte –integrada tamén polos concellos de Silleda, Fisterra, Melide, A Pastoriza e Pol–, cun orzamento global de 1.609.000 euros. Deste xeito, as seis localidades tratan de fortalecer a súa capacidade técnica, compartir custos, mellorar a implementación das tecnoloxías e maximizar o impacto das actuacións a levar a cabo.
En caso de aprobarse a solicitude presentada pola Agrupación Galicia Norte, o Concello de Valga porá en marcha as actuacións estipuladas na memoria técnica do proxecto, na que se priorizan aquelas que permitan á veciñanza coñecer de primeira man o seu consumo de auga real a través da telelectura, así como evitar perdas e detectar fugas grazas aos sistemas dixitais de detección intelixente. Deste xeito, a administración local podería realizar un control exhaustivo e en tempo real dos seus recursos hídricos, garantindo a súa salubridade, a súa subministración e o seu correcto uso.