- Asistiron maiores dos centros de Valga, Boiro, Rois e Dodro
- A actividade reuniu no Auditorio a un cento de persoas
Valga, 28 de febreiro de 2023.
O Auditorio Municipal recibiu esta mañá a usuarios dos Centros de Día de Valga, Dodro, Rois e Boiro, que gozaron dunha actividade de convivencia con carácter lúdico e cultural: un concerto a cargo de alumnos do Centro Superior de Música (CSM Galicia).
Tamén asistiron os usuarios do CODI; en total, arredor dun cento de persoas que, a través da música, compartiron momentos de ocio e ledicia, algúns deles vestindo disfraces e con gañas aínda de prolongar as celebracións do Entroido.
A audición correu a cargo dun grupo de estudantes do conservatorio baixo a dirección dos mestres Alberto Arribas, Elisabet Franch, Isidro Vidal, Vicente Faus e Ilona Timchenko. Os músicos que participaron foron Alejandro Vilar e Alonso Pinilla (que interpretaron “Tre pezzi in forma di sonata”, de Karl Pilss), Ana Teresa Vasques (que tocou “Bach-Studien”, de Johann Sebastian Bach), Enol Hernández (“Mamamá Girl”, de David Bellas), Jorge Denis Sanromán (“Koda”, de Jan Freicher), Yuri Durán (“Concerto para piano e orquesta” e “Allegro affettuoso”, de Robert Schumann). Ilona Timchenko foi a pianista acompañante.