Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A praza de técnico de Normalización foi de novo convocada tralo falecemento do anterior responsable

- Entre as funcións deste servizo está a de incrementar o uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos da vida pública

 

Valga, 16 de maio de 2022.

O Concello vén de recibir da Deputación Provincial de Pontevedra unha axuda por importe de 20.000 euros para o mantemento do Sevizo municipal de Normalización Lingüística, en concreto para a provisión temporal como funcionario interino dun posto de traballo de Técnico de Normalización Lingüística.

Este servizo foi creado polo Concello de Valga no ano 1991, sendo unha das primeiras entidades locais de Galicia en por en marcha este gabinete co obxectivo de velar pola aplicación da Lei de Normalización Lingüística de Galicia no ámbito de actuación da administración local, así como o uso do galego en todas as comunicacións oficiais do Concello (actas, edictos, convocatorias, ordes do tía, ditames das comisións informativas, mocións..., así como a tradución á lingua galega de todos os impresos e formularios empregados a diario na vida administrativa municipal). Ao mesmo tempo, este servizo converteuse en referencia para todo o persoal para a consulta de dúbidas e incluso formación no uso do galego no seu posto de traballo.

Outra das funcións que se outorgou ao Servizo de Normalización Lingüistica foi a de apoiar e asesorar na materia ás distintas entidades e asociacións da localidade para intentar acadar que o galego fora a lingua de uso común no seu labor cotiá. En definitiva, impulsar a normalización do galego nos diferentes ámbitos da vida pública.

Dende a súa creación, o Servizo de Normalización Lingüistica de Valga forma parte da Rede pola Normalización Lingüística da Xunta de Galicia.

No ano 2020 o técnico responsable do servizo faleceu, polo que se fai necesario convocar de novo a praza para poder continuar co mesmo, motivo polo que se solicitou esta subvención á Deputación Provincial.

LogoDepo

Volver