- O alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Seguridade, José Lagos, seguiron o desenvolvemento da xornada
- Explicáronse, de forma teórica e tamén práctica, cuestións básicas para prestar asistencia de urxencia a unha persoa en caso de lesión, accidente ou enfermidade repentina
Valga, 29 de marzo de 2018
O Grupo de Emerxencias impartiu na tarde de onte unha charla sobre primeiros auxilios na que participaron veciños e traballadores municipais, entre estes últimos as concelleiras Begoña Piñeiro e Carmen Gómez. Tamén seguiron o desenvolvemento da xornada o alcalde, José María Bello Maneiro, e o edil de Seguridade, José Lagos.
O responsable do GES, Adrián Ferro, ofreceu unha charla sobre algunhas cuestións básicas para prestar asistencia de urxencia a unha persoa en caso de lesión, accidente ou enfermidade repentina. Explicou, por exemplo, como actuar ante queimaduras ou determinadas feridas. Tamén falou sobre a reanimación cardiopulmonar e como realizala en caso de parada cardiorrespiratoria ou cal é a posición lateral de seguridade na que colocar a unha persoa que está inconsciente pero aínda respira para evitar males maiores como podería ser a morte por afogamento.
Explicou, igualmente, en que consiste e como se realiza a compresión abdominal chamada Maniobra de Heimlich, que axuda a desobstruír o conduto respiratorio en caso de atragantamento, xa sexa cun trozo de alimento ou con outro obxecto, e evita a asfixia.
A continuación tivo lugar unha segunda exposición sobre a utilización do desfribrilador semiautomático. O Concello de Valga conta con seis repartidos en puntos estratéxicos do municipio como instalacións deportivas ou lugares nos que adoita concentrarse un importante número de persoas. Atópanse no campo de fútbol de Baño, nas instalacións deportivas de Campaña, no Auditorio Municipal e nos pavillóns de Beiro e Baño, dando servizo tamén nestes casos aso colexios Baño-Xanza e Xesús Ferro Couselo. O sexto está na sede do GES. En próximas datas organizarase un curso homologado sobre a utilización do desfibrilador.
Ao remate destas charlas formativas, que incluíron a proxección de vídeos explicativos, os participantes puxeron en práctica todos os contidos.