Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os alumnos do CEIP Baño-Xanza desfilaron dende o colexio ata a Praza Manuel Vicente Cousiño con disfraces das antigas civilizacións

- No Ferro Couselo os traxes representaron a diferentes estilos musicais e o CRA realizou obradoiros de doces e organizou un folión

EntroidoFerro1

Valga, 17 de febreiro de 2023.

Chegou a fin de semana grande do Entroido e os centros educativos valgueses enchéronse de festas e actividades nas que os disfraces foron os protagonistas. Desfiles, música e obradoiros foron algunhas das iniciativas organizadas polos colexios durante esta colorida e divertida mañá.

No CRA de Valga, o alumnado repartiuse en tres escolas: a de Chenlo (á que se achegaron tamén os rapaces de Xanza), a de Forno (a onde se desprazaron os nenos de Campaña) e a de Ferreirós (compartindo festa con Vilarello). Durnate toda a mañá sucedéronse as actividades festivas, comezando por obradoiros de doces típicos (filloas, orellas, rosquillas...) nos que participaron tamén as familias dos alumnos. A continuación houbo música, bailes e xogos representando a distintos personaxes e celebracións do Entroido galego, coma os Peliqueiros ou o domingo fareleiro co lanzamento de fariña. Aproveitando o día solleiro, os pequenos do CRA constituíron varios folións para levar a música e a ledicia destas festas polas distintas parroquias.

No CEIP Baño-Xanza repetiron unha das actividades estrela dos últimos anos para festexar o Carnaval: o destile de disfraces entre o colexio e a Praza Manuel Vicente Cousiño, na que houbo despois murgas e unha batucada. Os estudantes dos diferentes cursos de Infantil e Primaria luciron traxes inspirados nas antigas civilizacións, a maioría elaborados no propio colexio. A prehistoria, exipcios, gregos, celtas, galos, aztecas, e indios taínos foron as temáticas dos disfraces. De regreso no colexio, os rapaces participaron nunha degustación de rosquillas.

Tamén no colexio Xesús Ferro Couselo se celebrou o Entroido, co festival “O Son do Ferriño” no que os alumnos desfilaron polo patio representando distintos estilos musicais e protagonizando actuacións de flamenco, heavy metal, disco, rock e samba. Ademais, houbo unha degustación de doces tradicionais destas festas elaborados polas familias do alumnado, unha actividade na que colaborou a ANPA aportando as bebidas.

EntroidoBaño EntroidoCRA

Volver