- A entidade, con sede en Santiago, presta apoio a familias de nenos con enfermidades de longa duración
- Os cativos da escola formaron unha granxa disfrazados de ovellas, galiñas, pitos, vacas e porcos
Valga, 20 de febreiro de 2023.
Entroido e solidariedade xuntáronse o venres no festival benéfico organizado pola Escola Infantil Municipal para colaborar coa Fundación Andrea, de apoio a nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. Esta iniciativa xurdira xa no ano 2020, cando o persoal do centro educativo promoveu por vez primeira esta festa solidaria, pero a pandemia obrigara a suspendela por aquel entón e non foi ata este ano cando puido retomarse. O resultado: 3.353’50 euros recadados para a citada fundación, uns cartos que se xuntaron a través da venda de entradas a 5 euros e tamén con doazóns de empresas e particulares.
O festival tivo como protagonistas aos cativos da escola, que formaron unha auténtica granxa disfrazados de ovellas, porcos, vacas, pitos e galiñas e actuaron ante os seus familiares e achegados, que encheron a planta baixa do Auditorio. Arredor dunhas 300 persoas déronse cita no evento, que contou tamén coa participación de Samuel, do grupo Unión y Fuerza, para a animar a tarde coa súa actuación musical e facer bailar e cantar a todo o público. Outra das colaboracións correu a cargo da empresa de animación infantil Barallocas, que aportou dúas mascotas: Minnie Mouse e Peppa Pig.
Ademais, sorteáronse multitude de agasallos doadas por empresas e persoas que quixeron colaborar con esta iniciativa e, a través dela, coa Fundación Andrea. A súa presidenta, Amaya Castro, asistiu ao festival e explicou algúns dos proxectos que desenvolven para axudar ás familias de nenos con enfermidades de longa duración e aos que van destinar os fondos recadados pola Escola Infantil de Valga: a financiación de pisos de acollida para que os pais con rapaces hospitalizados dispoñan de aloxamento e manutención, a concesión de axudas para tratamentos de fisioterapia, logopedia e outros e o acondicionamento dos espazos pediátricos hospitalarios para facer máis soportables os ingresos aos nenos.