- A especie principal é a troita común e só poden empregarse coma cebos a mosca artificial e a culleriña
- Para a realización de actividades colectivas é preciso solicitar autorización ao Servizo Provincial de Patrimonio Natural
Valga, 10 de febreiro de 2023.
A lagoa Mina Mercedes é dende o pasado xoves unha zona libre para a pesca sen morte durante todo o ano, tal e como recolle a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).
O acordo supón a supresión do anterior couto sen morte Lagoa Mina Mercedes V, que estaba vixente dende hai máis dunha década (febreiro de 2012), e a conversión nun tramo libre para as capturas sen morte durante todo o ano. A zona libre para a pesca abarca toda a extensión da lagoa, coa excepción dun tramo de 357 metros entre os extremos nordés e sur que, por razóns de seguridade, queda vedado.
Os períodos e xornadas hábiles para a práctica da pesca serán os recollidos na orde anual de pesca continental, autorizándose unha soa cana por pescador e podendo empregarse coma cebos unicamente a mosca artificial, nas súas distintas modalidades, e a culleriña, en ambos casos cun só anzol e sen arponciño. Prohíbense para todos os efectos os cebos naturais.
Ademais, e con autorización expresa do Servizo Provincial de Patrimonio Natural de Pontevedra, a Mina Mercedes poderá ser utilizada en calquera época do ano para actividades colectivas ou de escolas de pesca, con solicitude previa na cal figurarán as datas, o horario e a relación de participantes. Nestes casos a lagoa, quedará reservada unicamente para as persoas rexistradas no evento, nas datas e horas indicadas na autorización.
A especie principal é a troita común, coa que se repoboou a lagoa no pasado mes de novembro coa solta de máis de 8.500 exemplares aportados pola Consellería de Medio Ambiente. A esta solta asistira o xefe territorial, José Manuel González.
A Mina Mercedes, que se localiza no lugar da Torre (Campaña), é a maior lagoa de orixe non natural da provincia de Pontevedra cunha extensión de arredor de 30.000 metros cadrados. No seu día foi unha explotación de arxila a ceo aberto vencellada á actividade industrial da empresa de cerámica Novo y Sierra e, posteriormente, o Concello promoveu a súa recuperación.
Na actualidade conforma un ecosistema de grande valor natural con comunidades vexetais formadas por árbores como salgueiros, amieiros e freixos e plantas como a espadana, a palla real ou a platanaria. Neste hábitat existe unha variada fauna avícola, sendo especialmente numerosas as poboacións de patos e gansos.