Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A doazón destinarase a financiar servizos e actividades para os enfermos oncolóxicos e os seus achegados

- O nacemento aínda pode visitarse os venres e sábados de 19:00 a 20:30 horas ata o 11 de marzo

BelénAECC1

Valga, 9 de febreiro de 2023.

Amigos do Belén xa fixo entrega á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) dos 5.465 euros recadados na Tómbola Solidaria organizada no pasado Nadal. Dous representantes do colectivo, o coordinador territorial Telmo Crespo e Pilar González, do departamento de sostibilidade económica, estiveron esta mañá no local do Belén para agradecer a doazón, que se destinará a financiar os diferentes servizos que ofrece a AECC para enfermos oncolóxicos e persoas do seu entorno.

A AECC traballa para diminuír o impacto causado polo cancro e mellorar a calidade de vida das persoas, acompañando e apoiando aos enfermos e aos seus achegados. En concreto, na provincia de Pontevedra as actividades e servizos que realiza a asociación inclúen atención psicolóxica, orientación social, logopedia, obradoiros grupais, acompañamento, préstamo de material (perrucas, cadeiras de rodas, camas...), asesoramento xurídico e médico-sanitario e inserción laboral, entre outros.

“É importante que a xente saiba que estamos aí para axudarlle e que todos os servizos que ofrecemos son gratuítos”, explica Telmo Crespo, que considera o cancro “o problema sanitario máis importante do mundo” na actualidade. Por iso, engade, “a investigación e a prevención son fundamentais”. Neste sentido, a AECC, que se financia a través das aportacións dos socios e outras doazóns, tamén destina fondos a proxectos de investigación para tratar de conseguir que os diferentes tipos de cancro sexan curables ou cronificables e que se reduza o número de falecementos.

Os representantes da Asociación Española Contra o Cancro entregaron aos membros de Amigos do Belén un certificado de doazón e unha placa de agradecemento pola súa doazón, e aproveitaron para visitar o Belén Artesanal.

O nacemento, que recibiu máis de 35.000 visitas entre os meses de decembro e xaneiro, aínda se mantén aberto ao público dous días á semana: os venres e sábados de 19:00 horas a 20:30. A data límite é o 11 de marzo e, a partir de entón, só poderá verse con cita previa chamando ao teléfono 630 95 25 15. “Está vindo bastante xente, incluso de fóra de Galicia. Por exemplo, nos últimos días recibimos a un grupo de Portugal”, indica a presidenta de Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras.

BelénAECC2 BelénAECC3

Volver