- Ambas administracións investirán 146.000 euros na instalación dun novo pavimento de linóleo
- As obras acaban de saír a licitación e as empresas teñen ata o día 27 para presentar ofertas
Valga, 7 de febreiro de 2023.
Un convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Xunta de Galicia permitirá financiar os 146.195’22 euros que se investirán na renovación do pavimento do pavillón municipal de Cordeiro, para garantir a boa práctica das distintas disciplinas deportivas que alí se realizan (fútbol sala, baloncesto, tenis, balonmán...).
O vello pavimento das instalacións deportivas atopábase nun estado moi deteriorado, de maneira que xa foi retirado nas últimas semanas e agora saen a licitación a obras para instalar a nova pista de linóleo acústico de 4 milímetros de espesor, con tratamento antiestático e acabado liso.
Ademais, o proxecto inclúe o pintado e sinalización dos diferentes campos de xogo: patinaxe, balonmán, tenis, voleibol, baloncesto e bádminton
As empresas teñen de prazo ata o vindeiro 27 de febreiro para presentar as súas ofertas e optar á adxudicación dos traballos, que dan continuidade ás melloras realizadas nos últimos tempos no pavillón de Cordeiro, un recinto que conta cuns 30 anos de antigüidade. O pintado das estruturas metálicas, acondicionamento da fachada, renovación dos sistemas de climatización e ventilación, ampliación dos vestiarios e aseos ou a construción dunha pistas de pádel foron algunhas das obras executadas nos últimos anos co obxectivo de mellorar e modernizar as instalacións.