- “Este foi un ano boísimo para esta flor, pola humidade e a temperatura morna”, destaca Rosa Crespo, presidenta do colectivo organizador
- O alcalde asistiu esta tarde á entrega de agasallos e ao concerto que ofreceu a Banda Municipal
Valga, 4 de febreiro de 2023.
Tres anos despois da última exposición da Camelia, a chamada flor de Galicia volveu a encher de cor o Auditorio Municipal coa Mostra “Bella Otero”, organizada pola asociación de Mulleres Rurais “Albor” coa colaboración do Concello.
Trinta e sete expositores participan nesta iniciativa, que pode contemplarse ata mañá ao mediodía. Entre eles hai expertos cultivadores de camelias, pero tamén afeccionados, veciños que contan con exemplares nos seus xardíns, colexios, ANPAs e outros colectivos culturais e sociais. Todos eles son de Valga ou están relacionados co municipio, “o que representa un mérito extraordinario”, destacou o alcalde, José María Bello Maneiro, no acto de entrega de agasallos aos participantes que tivo lugar esta tarde. “Temos que apreciar e estar orgullosos do noso”, engadiu o rexedor.
Na mostra poden verse camelias de distintas variedades: xapónica, reticulata ou sasancua, que se caracteriza polo seu arrecendo. Tamén se expoñen camelias amarelas, procedentes de Vietnam, e outras tipoloxías que destacan polo seu pequeno tamaño ou polas cores rechamantes. Este último é o caso da camelia Bella Otero, de cor vermello brillante, unha variedade que a presidenta da asociación “Albor”, Rosa Crespo, rexistrou internacionalmente e que medra no Parque Irmáns Dios Mosquera, ao carón da estatua que homenaxea á bailarina da Belle Époque. Outro exemplar atópase nos xardíns do castelo de Soutomaior, como parte dunha colección de camelias con nome de muller.
Rosa Crespo amósase satisfeita coa importante participación acadada nesta décimo quinta edición da Mostra da Camelia. “Este foi un ano boísimo para esta flor, pola humidade e as temperaturas mornas que tivemos nos últimos meses. E, ademais, os veciños e colectivos participantes deron unha mostra de imaxinación e bo gusto elaborando centros e adornos florais fermosos e orixinais”. Para a presidenta de “Albor” -asociación que este ano celebra o seu 30 aniversario- estas exposicións “son a mellor maneira de promover o cultivo de camelias, xa que conseguen que a xente se afeccione”.
Todos os participantes recibiron como agasallo unha bolsa do Concello e un exemplar de camelia, aportados pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Tralo acto, a Banda de Música Municipal de Valga, dirixida por Diego Fortes, ofreceu o concerto “Música, linguaxe universal”, unha visión de diferentes culturas a través de temas de compositores de distintos países.