Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Empregaron o menor tempo de 298 equipos (1 hora e 6 minutos) en resolver as preguntas do certame

- O vindeiro mércores competirán na final nacional con equipos de dez comunidades autónomas

ganadorasfinalgalegaodisea23

Valga, 3 de febreiro de 2023.
Alba Blanco, Iria Collazo e Herea Eitor, estudantes do IES de Valga, proclamáronse gañadoras da fase autonómica do concurso “Odisea” de Cultura Clásica. As tres mozas, que cursan as materias de Latín e Grego na rama de Humanidades e Ciencias Socias de Bacharelato, destacaron entre os 298 equipos galegos participantes por ser as que conseguiron responder a todas as preguntas nun menor tempo (1 hora, 6 minutos e 8 segundos).

O equipo concursou baixo o nome de “Nefos”, que significa “nube” en grego, e impúxose na final de desempate aos grupos do IES Val Miñor, de Nigrán, e IES Río Miño, de Rábade, que se clasificaron en segundo e terceiro lugar respectivamente. Os nigraneses empregaron case dúas horas en resolver as preguntas, mentres que os rabadeses necesitaron un tempo de 2 horas e 45 minutos. Hai que destacar que a marca acadada polo equipo do IES de Valga foi a quinta mellor de toda España, entre as doce comunidades que chegaron á fase de desempate.

Tras acadar este éxito, Alba, Iria e Herea terán unha nova oportunidade de demostrar os seus coñecementos en cultura clásica, participando na final nacional do certame, que na súa 18 edición ten como temática “A auga en Grecia e Roma”. Será o vindeiro mércores, día 8, e nesta fase participarán equipos das dez comunidades españolas que superaron as fases autonómicas.

Esta é a segunda ocasión na que un equipo do instituto valgués se coroa como campión galego de “Odisea”. No ano 2020 xa o conseguiran Rita Catoira Senín, Lucía Fariña Potel e Carla Rodríguez Cordo.

Volver