Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A conselleira de Promoción do Emprego e a secretaria xeral de Industria asistiron ao encontro por parte da Xunta de Galicia

- A falta de solo empresarial e o incremento de custos de produción foron algúns dos problemas que se abordaron

Empresarios23 1

Valga, 3 de febreiro de 2023.
O Concello celebrou este mediodía a xuntanza de traballo co empresariado local para palpar as inquedanzas dos representantes das industrias asentadas en Valga para favorecer a competitividade e que continúen xerando postos de traballo para os veciños. Asistiron responsables das empresas Urovesa, Extrugasa, Exlabesa, ODL, Transportes Jamardo, Transportes Touceda, Víctor Castiñeiras, Valdeza, Eldesa, Serrerías Rodríguez, Lema e Hormadisa (Barton e Intavalsa non puideron asistir por motivos de axenda).

Os empresarios tiveron a ocasión de plantexar as súas necesidades a autoridades das administracións autonómica e local. A Xunta estivo representada pola conselleira de Promoción do Emprego, Mª Jesús Lorenzana; a secretaria xeral de de Apoio ao Emprego e Traballo autónomo, Covadonga Toca; e a secretaria xeral de Industria, Paula Uría. Por parte do Concello participaron na xuntanza, que debido á pandemia levaba sen celebrarse dende 2020, o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Emprego, Carmen Gómez.

O rexedor sinalou que “é importante” estar en permanente contacto co mundo empresarial para coñecer de primeira man cal é “a súa realidade e para que os responsables das administracións poidamos adoptar medidas que sexan realmente efectivas á hora de mellorar a súa produtividade”. E máis tendo en conta que Valga conta con industrias que son punteiras a nivel mundial e que contan con milleiros de empregados. Na mesma liña, a representante da Consellería de Economía, Industria e Innovación, Paula Uría, amosouse aberta a “colaborar” co empresariado valgués para favorecer o seu crecemento e competitividade”.

Andrés Quintá, máximo responsable de Extrugasa e presidente da asociación de empresarios dos vales Ulla e Umia, foi o encargado de poñer voz ás problemáticas que afectan hoxe en día aos empresarios de Valga, principalmente un asunto recorrente dende hai anos: a carencia de solo industrial. “Un polígono en Valga é esencial para evitar a emigración de empresas fóra da localidade, atraer os investimentos e gañar en riqueza e emprego”, destacou Quintá. Na mesma liña, lamentou “os continuos atrasos na aprobación de proxectos de ampliación das nosas instalacións”, polo que reclamou ás administracións “unha tramitación rápida para evitar que se perdan oportunidades de negocio e se condenen proxectos estratéxicos.

O empresariado está a tamén a facer fronte á situacións que afectan ao conxunto da cidadanía, coma a subida dos custos de produción debido ao incremento do prezo dos combustibles, a electricidade ou as autopistas, o que “crea graves problemas”. E a isto engádese unha eiva que vén de longo, como é a falta de man de obra cualificada. Quintá urxe unha “aposta decida pola Formación Profesional e que Universidade e empresas camiñen xuntas, reformulando o catálogo de ensinanzas para facelas acordes á realidade e ás necesidades empresariais e para promover a innovación e o desenvolvemento”. A este respecto, a conselleira Mª Jesús Lorenzana concordou na “importancia” de “conseguir casar a oferta e a demanda de vacantes laborais que teñen agora mesmo as empresas, incorporándoas ao mundo das relacións laborais e ao deseño da formación para o emprego”.

Empresarios23 2 Empresarios23 3

Volver