Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Numerosos veciños e fregueses acompañaron a San Roque, San Antonio e San Paio no percorrido de case catro quilómetros

- Vilarello, Moldes, Eiras, Outeiro, Ferreirós e Beiro foron as paradas que realizou o desfile

Lacons23 1

Valga, 2 de febreiro de 2023.
Como cada 2 de febreiro, os veciños de Cordeiro espertaron co son das bombas que anunciaban a festividade da Candeloria, na que a parroquia revive unha das tradicións culturais e relixiosas máis senlleiras de Valga: a Procesión dos Lacóns, que durante toda a mañá percorre o traxecto entre Vilar e a igrexa parroquial, facendo paradas nas distintas aldeas para que os fregueses collan folgos e os veciños poidan venerar a San Antonio, San Roque e San Paio, os protagonistas do destile xunto coas mulleres que portan sobre as súas cabezas cestas coas patas de porco.

Esta tradición remóntase ao século XIX, cando un andazo de peste causou unha grande mortaldade no gando e os veciños comezaron a realizar ofrendas aos santos en busca da súa intercesión. Dende entón, cada ano repítese o mesmo patrón: o día de San Paio, 25 de xaneiro, San Antonio e San Roque son trasladados dende a igrexa parroquial de Santa Comba ata a capela de Vilar, onde permanecen durante máis dunha semana coma homenaxe ao patrón desta aldea. O día da Candeloria regresan de novo en procesión ao seu fogar habitual, co acompañamento de San Paio.

Os actos relixiosos deron comezo ás 10 da mañá en Vilar, coa celebración dunha misa rezada e a bendición das candeas a cargo do sacerdote Manuel López Castro. Arredor das 11:10 horas iniciouse o percorrido, que discorreu polos lugares de Vilarello, Moldes, As Eiras, Outeiro, Ferreirós e Beiro e ao que asistiu o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo. Unha salva de bombas anunciaba a chegada a cada lugar, nos que os veciños engalanaron –con mimosas, caraveis, camelias ou laranxas– altares nos que colocar aos santos mentres os participantes na procesión descansaban e antes de retomar o camiño.

De Vilar saíron nove lacóns e sumáronse catro máis en Vilarello. Nesta aldea, os nenos da escola unitaria saíron a saudar o paso e a bailar coa música do grupo de gaitas que o acompañaba, Aires do Río Vello, de Isorna (Rianxo). En Ferreirós, como é habitual, os participantes na procesión puideron degustar un pequeno aperitivo a base de viño doce, refrescos e doces.

En total foron case catro quilómetros de ruta ata chegar á igrexa parroquial de Santa Comba. Alí o paso deu unha volta completa ao templo antes de acceder ao interior cos tres santos e as ofrendas. Manuel López e Arturo Lores, párroco de Cordeiro, cooficiaron a misa solemne, que deu paso a outro dos costumes máis arraigados desta xornada: a poxa dos lacóns, que acadaron prezos entre 30 e 65 euros. A recadación total para a parroquia foi de 580 euros.

Mañá continuarán os festexos en Cordeiro, co San Brais, festivo local. Haberá pasarrúas a cargo da Banda de Música Municipal de Valga, misas rezadas ás 9:00, 10:00 e 11:00 da mañá e misa solemne ás 13:00 horas, cantada pola Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro. A continuación, sairá a procesión.

A sesión vermú correrá a cargo da Banda de Valga e pola tarde, ás 18:00 horas, celebrarase a última misa da xornada.

Lacons23 2 Lacons23 3

Lacons23 4 Lacons23 5

Lacons23 6 Lacons23 7

Lacons23 8 Lacons23 9

Volver