- A Xunta de Galicia aporta 100.000 euros anuais para sufragar o funcionamento do centro de Baño
- Obradoiros de reciclaxe de aparellos eléctricos, de barro ou musicoterapia son algunhas das actividades que realizan as persoas con discapacidade
Valga, 30 de xaneiro de 2023.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou este mediodía o centro ocupacional para persoas con discapacidade (CODI) de Baño, acompañada polo alcalde, José María Bello Maneiro, e o xerente do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez. Tamén participaron na visita a tenente de alcalde, Carmen Gómez, o concelleiro Pedro Calvo, a directora do CODI e unha traballadora social do Concello.
A Xunta de Galicia destina anualmente 150.000 euros a financiar o funcionamento do CODI, no que os usuarios realizan actividades para o desenvolvemento das habilidades instrumentais e mellora da súa autonomía. Tamén se levan a cabo actividades ocupacionais coma obradoiros de reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, barro e cerámica, pintura e musicoterapia. A isto engádese un programa de ocio e tempo libre que fomenta a actividade social dos usuarios e o desenvolvemento das súas destrezas persoais para que poidan realizar unha vida o máis autónoma posible.
A conselleira tivo ocasión de presenciar como se desenvolven algunhas destas actividades, en concreto o obradoiro de reciclaxe e o traballo con barro. No primeiro, os usuarios despezan aparellos eléctricos para separar os distintos compoñentes e, deste xeito, favorecer a súa reciclaxe. No actividade de barro, modelan diferentes tipos de obxectos e figuras, entre eles trofeos para entregar aos gañadores de torneos que se realizan en Valga, coma os que teñen previstos para os vindeiros meses o club de karate e o Cordeiro C.F.
Fabiola García destacou a importancia da colaboración que manteñen dende hai anos a Xunta e o Concello para sufragar o funcionamento deste centro e que “os usuarios conten con terapias, atención e programas que lles axuden a estar máis activos e a mellorar a súa calidade de vida”. A conselleira referiuse ao CODI coma “un centro de referencia na comarca” e felicitouse ao comprobar como “o traballo que realiza o goberno local revirte no benestar dos veciños”. García asegurou que dende o seu departamento imos continuar apoiando aos concellos para ofrecer máis servizos de atención a maiores e discapacitados”. Neste sentido explicou que a finais do mes de febreiro estará en Valga unha unidade asistencial de Coidados porta a porta que ofrecerá servizos gratuítos de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria a persoas maiores de 55 anos, e que nos últimos anos Política Social investiu máis de 100.00 euros na mellora da accesibilidade do Centro de Día, con actuacións coma a instalación dun ascensor, entre outras.
O alcalde agradeceu á conselleira a súa sensibilidade con Valga e a importante aportación económica que realiza para o CODI. “Estase volcando coas persoas con discapacidade do noso concello e grazas a iso este centro segue aberto, porque non hai que esquecer que houbo un momento, hai anos, no que estivo a piques de pechar cando a Deputación de Pontevedra decidiu retirarlle a subvención que destinaba cada ano”. Bello Maneiro lembrou que, “cando a conselleira de Política Social foi coñecedora deste feito, púxose mans á obra e grazas á súa aportación os usuarios poden seguir realizando actividades ocupacionais e de habilidades sociais e o Concello é quen de facer fronte aos gastos de funcionamento do CODI”.
Trala visita ao centro para persoas con discapacidade, o alcalde a conselleira mantiveron unha xuntanza na Casa do Concello na que abordaron novas actuacións e investimentos a realizar en Valga.