- As fiestras son de aluminio oscilobatente con dobre cristal e rotura de ponte térmica
- As melloras foron financiadas cunha aportación da Xunta de Galicia
Valga, 25 de xaneiro de 2023.
Todas as escolas do CRA de Valga contan xa con ventás renovadas unha vez rematada a segunda fase de mellora da carpintería metálica exterior. Se no pasado ano foran os colexios de Vilarello, Xanza e Campaña os que estrearan fiestras, agora foi o turno das outras tres escolas do Centro Rural Agrupado: as de Ferreirós, Forno e Chenlo, que dende hai uns días xa contan coa nova instalación. Esta correu a cargo da empresa García Sistemas de Carpintería S.L. e foi financiada pola Xunta de Galicia.
A concelleira de Educación, Carmen Gómez, visitou as diferentes escolas para comprobar o resultado das obras. Acompañárona o concelleiro Pedro Calvo e o director e a secretaría do CRA, Adrián Baloira e Antía Piñeiro.
Na escola de Chenlo colocarónse oito ventás de diferentes tamaños. No Forno foron doce as fiestras renovadas e tamén unha porta exterior. No caso de Ferreirós, instaláronse once xanelas novas e tres portas exteriores.
As novas ventás son de aluminio oscilobatente con dobre cristal laminado e rotura de ponte térmica. Contan con caixón illante e persianas, e contribuirán a unha maior confortabilidade nas aulas posto que mellorarán o illamento térmico, contribuíndo en consecuencia ao aforro enerxético.