Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Representantes da marca mantiveron en Fitur xuntanzas de traballo con turoperadores españois e portugueses especializados en peregrinacións

- Mañá terá lugar no stand de Galicia a presentación do Xeodestino turístico con representación institucional dos catro concellos e da Xunta

MdSFitur1

19 de xaneiro de 2023.
A delegación de Mar de Santiago está xa en Fitur, encabezada polos alcaldes de Valga e Pontecesures, José María Bello Maneiro e Juan Manuel Vidal Seage; polo primeiro tenente de alcalde de Vilanova, Javier Tourís; e o concelleiro de Catoira Ivan Caamaño, aos que acompañan outros representantes dos catro concellos e técnicos, co obxectivo de continuar promocionando o Xeodestino turístico e atraer novos visitantes ao territorio. En representación valguesa atópanse tamén na feira a tenente de alcalde, Carmen Gómez, e a concelleira de Turismo, Malena Isorna.

Mar de Santiago evoca á orixe das peregrinacións, coa ruta marítimo-fluvial “Traslatio” como principal reclamo, polo que o Xeodestino aposta polo turismo relixioso como nicho no que seguir captando peregrinos, tratando de alongar a estela dos dous Anos Santos consecutivos 2021/2022 e de aproveitar a grande afluencia que rexistran ano tras ano tanto o Camiño Portugués coma a Variante Espiritual.

Neste sentido, o mercado portugués está a ser prioritario para Mar de Santiago, con reunións con diferentes touroperadores e empresarios do sector das zonas de Fátima e Porto especializados en turismo relixioso e cultural, tendo en conta a importante presenza dos peregrinos lusos nas rutas xacobeas que discorren polo territorio integrado na marca. Todos eles son potenciais visitantes que Mar de Santiago quere atraer ofrecéndolles a experiencia única de revivir o percorrido realizado polos restos do Apóstolo Santiago e a posibilidade de descubrir a cultura, gozar das paisaxes, do patrimonio e da gastronomía de Catoira, Vilanova, Valga e Pontecesures.

Verde Pino, axencia radicada en Fátima especializada en turismo relixioso e cultural, e Viagems Abreu, con sede en Porto e un dos maiores operadores turísticos de viaxes en grupo e individuais do país luso, foron dous dos turoperadores cos que Mar de Santiago estreitou lazos durante a súa primeira xornada de presenza en Fitur.

Na mesma liña, o labor promocional para abrir novas posibilidades de mercado incluíu tamén xuntanzas de traballo con axencias españolas coma Axis Travel (Valencia), que ten entre as súas especialidades as peregrinacións e organización de viaxes de grandes grupos, e Grupo Ávoris, especializado na comercialización de viaxes de ocio, vacacións e empresan e que traballa con máis de 700 axencias de España e Portugal.

Mañá, ás 10:30 horas, terá lugar no stand de Galicia a presentación do Xeodestino turístico. Neste acto darase a coñecer a estratexia de Mar de Santiago para a vindeira temporada turística, con novas accións que contribúan a reforzar a liña de crecemento que mantén a marca dende a súa creación, e que se cifra nun incremento dun 30% das visitas en cada ano.

MdSFitur2 MdSFitur3

Volver