- A tenente de alcalde Carmen Gómez foi a encargada de asinar o manifesto en representación municipal
- Ao acto, celebrado en Pontevedra, tamén asistiu o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo
Valga, 16 de xaneiro de 2023.
O Concello de Valga foi unha das 35 administracións locais da provincia que o pasado sábado asinaron a “Declaración de Pontevedra” para fomentar o uso da lingua galega nas relacións coa xustiza, unha iniciativa promovida conxuntamente entre a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial e a Irmandade Xurídica Galega. Ao acto de sinatura asistiron, en representación municipal, a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo. Por parte da Xunta asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e pola Deputación, a presidenta Carmela Silva.
Carmen Gómez foi a encargada de asinar o manifesto en representación do Concello, que deste xeito se compromete a impulsar o proceso de galeguización dos servizos xurídicos municipais, tanto na oralidade coma nos escritos presentados perante xulgados e tribunais de xustiza, así como na redacción de cantos actos xurídicos documentados promovan o Concello. Tamén se compromete a que os representantes municipais (mediante asesorías propias ou externalizadas) soliciten á xustiza que as resolucións lles sexan notificadas no idioma da Galiza.
E isto en base á Lei de Normalización Lingüística de Galicia, que obriga aos poderes públicos a fomentar o uso normal da lingua galega en todos os ámbitos da vida social e institucional e, ademais, ampara á cidadanía no emprego do galego perante os órganos xurisdicionais, sen que ningunha persoa sexa discriminada por razón de lingua.
Neste ano 2023 cumprirase o 30 aniversario dende que o Concello de Valga creou o Servizo Municipal de Normalización Lingüistica, dirixido polo tristemente falecido exfuncionario José Ramón Rial Becerra, momento dende o cal o galego pasou a ser o idioma no que se desenvolven todos os actos administrativos da entidade local.
En 1993 Valga convirteuse nun dos primeiros concellos de Galicia en crear este Servizo de Normalización Lingüística para impulsar e coordinar a utilización do galego en todos os ámbitos da administración municipal. O obxectivo era, precisamente, aplicar a Lei de Normalización Lingüística de Galicia e ofrecer apoio e asesoramento lingüístico tanto aos traballadores municipais como a os veciños. En definitiva, normalizar o uso do galego nos diferentes ámbitos da vida pública.
Este servizo forma parte dende a súa constitución da Rede de Normalización Lingüística da Xunta e da coordinadora de traballadores de normalización lingüistica e conta, ademais, cunha ordenanza municipal propia: a “Ordenanza para o impulso da lingua galega no Concello de Valga”.